– O Concello denuncia a grave situación dos centros de ensino público de Redondela. Hai casos como o tellado do CEIP Laredo, con risco de desprendemento, falta de calefacción no IES Floriani e CEIP Outeiro das Penas, así como problemas estruturais na fachada, muro e escaleira do CEP Santa Mariña, entre outras deficiencias.
– A alcaldesa, Digna Rivas, fala de “abandono” por parte da Xunta de Galicia ante esta situación de “precariedade e inseguridade” nos colexios e institutos públicos de Redondela. En novembro de 2025 solicitou unha xuntanza coa Consellería de Educación para abordar estas deficiencias“e aínda non obtivemos resposta”.
O Concello de Redondela esixe á Xunta de Galicia unha solución “urxente” aos problemas de “seguridade e precariedade” que padecen moitos dos centros de ensino público do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, denuncia un “abandono total” por parte da Xunta de Galicia ante unha situación que denuncian desde hai anos tanto o Concello como as propias direccións e Anpas dos centros.
Un dos problemas máis graves é a situación da cuberta do CEIP Laredo, en Chapela, que precisa un cambio integral da cuberta “que presenta un grave risco de desprendemento”. Ante a deixadez da Consellería, en xaneiro de 2025 o Concello instalou un valado perimetral e unha rede “para evitar situacións de perigo”. Pasado un ano “seguimos á espera de que a Xunta poña data para a reforma integral da cuberta”, advirte Rivas. O CEIP Alexandre Bóveda, no barrio de Angorén, tamén presenta graves problemas debido á súa antigüidade sen que a Consellería teña dado unha solución.
No IES Pedro Floriani a Consellería inaugurou este curso a ampliación do centro con novas aulas que presentan “serias deficiencias”. O máis preocupante é a falta de calefacción “o que provoca que alumnado e profesorado estean a pasar moito frío, o que resulta inadmisible nunhas instalacións novas”. Outra das deficiencias é a falta de internet na zona da ampliación, e teñen pingueiras no pavillón. Tamén o CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes, ten deficiencias na calefacción, e os CEIP de Quintela e Cedeira padecen problemas de eficiencia enerxética “que debe asumir a Xunta de Galicia”, advirten desde o Concello.
O CEP Santa Mariña sofre problemas estruturais na fachada, o muro e as escaleiras, o que supón un perigo para os centos de nenos e nenas que asisten ao centro.
En xeral odos os centros públicos do municipio presentan algunha deficiencia na súa estrutura e instalacións debido á súa antigüidade, xa que os edificios teñen entre 40 e 50 anos e están obsoletos. Desde o Concello cada ano remítense á Consellería de Educación un listado con estas deficiencias sen obter resposta.
A alcaldesa lembra que é a Xunta de Galicia a única responsable “da construción e reforma integral dos centros”, polo que o Concello esixe “unha solución urxente” aos graves que problemas que padecen. O ensino público é “clave” para garantir a igualdade de oportunidades, e debe contar con recursos dignos para ofrecer unha educación de calidade “a todas e todos”, e a Xunta está a “precarizar e menosprezar” este pilar fundamental da sociedade. Rivas sinala que este municipio é un dos que conta con máis centros públicos de toda a provincia “e a Xunta de Galicia non está a cumprir coas necesidades do alumnado, profesorado e familias”
Deficiencias no comedores escolares
Outro dos problemas estruturais dos centros é a falta de comedores escolares. Esta situación afecta especialmente á EEI A Marisma e o CEP Santa Mariña, onde estudan nenos e nenas de 3 a 6 anos e de 6 a 12 respectivamente. Ante a inexistencia deste servizo nos propios centros, as Anpas empregan como comedores as instalacións cedidas polo Concello nas proximidades dos colexios. Trátase dunha solución temporal que ofrecera o Concello para as máis de cen familias que precisan este servizo “mentres a Xunta non habilitaba comedores nos propios colexios”. Pasaron 12 anos e a Consellería “segue sen facer os deberes malia que os centros dispoñen de espazo suficiente para dar este servizo”, denuncia Rivas
Hai máis de dous meses a alcaldesa solicitou á Xefatura Provincial de Ensino unha xuntanza para abordar estes e outros temas“que son urxentes para a seguridade do alumnado e o bo funcionamento dos centros”. Rivas denuncia que ata o de agora non recibiron contestación.



