– O Concello de Redondela, a través da Concellaría de Medio Ambiente, conta cun servizo de préstamo gratuíto de biotrituradoras. Esta iniciativa reforza a aposta do Goberno local pola sustentabilidade e a economía circular, facilitando á veciñanza as ferramentas necesarias para a xestión de residuos orgánicos.
O Concello de Redondela, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Alberto Álvarez, promove a compostaxe a través dun servizo de préstamo gratuíto de biotrituradoras. Esta iniciativa reforza a aposta do Goberno local pola sustentabilidade e a economía circular, facilitando á veciñanza as ferramentas necesarias para a xestión de residuos orgánicos. O obxectivo principal é que veciños e veciñas que teñan restos vexetais poidan triturar ramas de ata 4 centímetros de diámetro para xerar “estruturante”, un material esencial para o proceso de compostaxe. A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou a importancia desta medida para “contribuír á mellora da calidade ambiental e á redución de custos no tratamento dos residuos sólidos urbanos”. Con este servizo, o Concello busca non só facilitar o mantemento das fincas particulares, senón tamén converter os restos de poda nun recurso valioso para a terra, evitando que rematen no colector de lixo convencional. De feito, depositar restos de poda e xardinaría nos colectores de lixo convencional está prohibido pola ordenanza municipal. Esta práctica considérase unha infracción que pode derivar en sancións económicas.
As persoas interesadas poden solicitar o préstamo da biotrituradora a través da web oficial do Concello, na sección de Medio Ambiente, ou ben facelo de xeito presencial nos rexistros de Redondela ou Chapela.
As dúas biotrituradoras dispoñibles contan cun motor eléctrico de 3 HP de potencia e unhas dimensións de 60x100x100 cm. Están equipadas con coitelas desfribriladoras para produtos leñosos e martelos móbiles para follas e sebes, cunha capacidade de produción de 1 metro cúbico por hora. Unha vez feita a solicitude, os usuarios reciben as instrucións necesarias para poder empregar esta ferramentas sen problemas.



