– A alcaldesa Digna Rivas, concelleiros e familiares das vítimas participaron no acto, ao que asistiu tamén o Subdelegado do Goberno Abel Losada. O Concello instalou un panel cunha ilustración de Castelao na memoria dos fusilados polo franquismo en Soutoxuste en outubro de 1936.
– Rivas fixo un chamamento a toda a cidadanía para manter viva a memoria democrática, porque “se esquecemos o horror que foron a Guerra Civil e o franquismo corremos o risco de que se repitan”.
O 12 de outubro de 1936, en Soutoxuste, na estrada que une Redondela con Pontevedra, foron fusilados polo franquismo sete homes: José Bermejo, José Bouzón, Estanislao Fernández, Germán Parga, José Rodríguez, Ricardo Rosales e Pedro Villoldo. O Concello rendeu esta tarde unha homenaxe a estas vítimas, e fíxoo na memoria de todas as persoas represaliadas polo fascismo. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, explicou que estes fusilados en Soutoxuste foran trasladados desde o cárcere de Vigo e asasinados na beiravía da estrada. Un deles, José Bouzón Sobral, de 26 anos, era veciño de Redondela. Marcos Santos “Lareira”, presidente do Colectivo Republicano de Redondela agradeceu este recoñecemento por parte do Concello. Fíxoo ante o panel instalado en memoria das vítimas co debuxo de Castelao “O paraíso feixista”, co que o insigne galeguista denunciou os crimes do fascismo.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que esta homenaxe é un acto “de xustiza” e que hoxe máis ca nunca “é imprescindible ter memoria”. A rexedora advertiu que ante a desinformación e “cando dirixentes públicos negan ou cuestionan os asasinatos da ditadura, temos que levantar a voz e lembrar o que pasou para impedir que se branqueen o golpe de Estado e a ditadura franquista”. Rivas insistiu unha vez máis na necesidade de que a Xunta de Galicia recupere a Fundación Illa de San Simón, “onde tivo o franquismo un dos cárceres máis cruentos do réxime”. A alcaldesa aplaudiu a decisión do Goberno de España de declarar a illa de San Simón como Lugar da Memoria Democrática e agradeceu o traballo da Iniciativa Galega pola Memoria para impulsar este recoñecemento.
A rexedora lembrou “o firme compromiso do Concello de Redondela coa memoria democrática” e o traballo realizado nos últimos anos para que esa historia se coñeza, “sobre todo entre os máis novos”. A homenaxe ás “Madriñas de San Simón” ou o monumento aos represaliados no Alto da Concheira son mostra deste compromiso. Tamén se colabora desde o Concello coas asociacións da memoria, na publicación de libros, cos centros de ensino e co conferencias. En colaboración cos institutos organizáronse charlas a cargo de Montse Fajardo, escritora especialista na memoria, para trasladarlles aos mozos e mozas esta parte da historia.
Digna Rivas pediu a colaboración de toda a cidadanía para “manter esta memoria” porque “se esquecemos o horror que foron a Guerra Civil e o Franquismo corremos o risco de que se repita”. Advertiu que desde o defenderán sempre “a liberdade, a igualdade e todos os valores que representa a democracia” xa que non hai que dalos por seguros e é necesario protexelos “cada día”.