HomePontevedraRedondela inicia as obraws da nova praza de Ponte de Lima cun...

Redondela inicia as obraws da nova praza de Ponte de Lima cun investimento de 870.000 euros

- Anuncio -spot_img
  • A actuación transformará 2.300 m² nun espazo de lecer que incluirá un auditorio ao aire libre e un ascensor urbano para mellorar a accesibilidade.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o proxecto “revitalizará unha zona que hoxe é só de paso para convertela nun punto de encontro moderno e accesible”.

O Concello de Redondela inicia as obras de remodelación integral da praza de Ponte da Lima. Cun orzamento de 870.000 euros, o proxecto converterá esta área de 2.300 metros cadrados nun espazo público de referencia, integrando o futuro Viveiro de Empresas da Zona Franca. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta actuación vai “revitalizar e renovar un gran espazo para uso da cidadanía que agora se utiliza só como zona de paso”. O deseño aposta pola humanización e a naturalización, conservando elementos senlleiros como a árbore existente e a pérgola coa parra, que se combinarán co novo pavimentos e zonas verdes.

Esta semana reuníronse os responsables da dirección das obras co departamento de Urbanismo do Concello e a Policía Local para coordinar os traballos. Conscientes de que se trata dunha zona de paso “clave” no centro da vila “deseñouse un plan de actuación para minimizar o impacto no día a día da cidadanía”, explica a alcaldesa. O obxectivo prioritario é compatibilizar o avance dos traballos co mantemento dunha contorna “segura e accesible”. Rivas​ agradecese de antemán a comprensión e paciencia da veciñanza, reiterando que esta actuación é “fundamental” para a mellora e o futuro do noso centro urbano. Hoxe comezaron os traballos de acondicionamento do terreo e o traslado da maquinaria.

Mellora da mobilidade cun ascensor urbano

Unha das pezas clave do proxecto é o ascensor urbano que conectará Ernestina Otero coa rúa Subida á Estación, salvando o forte desnivel que dificulta o acceso peonil. “Agora é moi complicado acceder a pé desde o centro da vila pola elevada pendente, especialmente para persoas con mobilidade reducida”, explica Rivas. O ascensor facilitará o traxecto a pé ás vivendas e servizos da zona (centro de día, escola infantil, centro  de fisioterapia).

Novo auditorio ao aire libre

Na parte posterior da parcela, aproveitando a pendente natural do terreo, construirase un auditorio ao aire libre cunha bancada de formigón forrada en madeira. Este espazo terá capacidade para máis de 200 espectadores e servirá de escenario para concertos, teatro e eventos como o Festival Internacional de Títeres.

Espazo sustentable e equipado

A nova praza contará con iluminación LED de alta eficiencia, mobiliario urbano renovado (papeleiras e aparcabicicletas) e unha coidada selección de vexetación. Con esta intervención, o Goberno local busca crear unha “antesala moderna” para o Viveiro de Empresas, resolvendo ao tempo os problemas históricos de accesibilidade e dotando á vila dun novo pulmón cultural e social.

Publicacións Relacionadas