– A concellería de Maiores ofrece actividades de baile e tai chi ao aire libre para persoas de máis de 55 anos. Impartiranse na Alameda Castelao, en Redondela, e na Senda Verde de Chapela. Estas actividades conxugan saúde, benestar e diversión para as persoas maiores nos meses de xullo e agosto.
– Para a mocidade as concellerías de Xuventude e Cultura organizan un campus de verán con actividades de fotografía e vídeo, Intelixencia Artificial, pintura mural e xadrez. Realizarase desde o 1 de xullo ata o 14 de agosto no multiúsos da Xunqueira. O campus e para rapazada de 12 a 16 anos.
O Concello de Redondela pon en marcha dous novos programas de actividades para este verán: “Redondela móvese cos maiores”, dirixido a persoas de 55 anos en diante, e o “Campus Xuventude” dirixido á mocidade.
No caso dos maiores mantéñense este verán as clases de tai chi ao aire libre e amplíase a oferta con clases de baile. A concelleira de Maiores, Iria Vilaboa, explica que con esta nova proposta ofrécese á veciñanza “unha alternativa dinámica e lúdica para un envellecemento activo”. Está demostrado que practicar algunha actividade física mellora a saúde e o benestar emocional das persoas maiores. As clases de baile, con ritmos latinos, bailes de salón e outras modalidades servirán tamén para promover o benestar integral das persoas maiores, xa que mellora a atención, a concentración e a memoria. Será “un xeito diferente, divertido e lúdico de activar o corpo e a mente“, sinala Vilaboa.
As clases impartiranse nos meses de xullo e agosto de 9.30 a 10.30 horas. As de baile serán os luns na Senda Verde de Chapela e os martes na Alameda Castelao de Redondela. As clases de tai chi serán os mércores na Senda Verde de Chapela e os xoves na Alameda de Redondela. Estas actividades son de balde e non se precisa inscrición previa. Están dirixidas a veciños e veciñas maiores de 55 anos.
Campus Xuventude
A rapazada de entre 12 e 16 anos poderá gozar este verán dun campus no que aprender diferentes actividades ao tempo que se divirten durante as vacacións escolares. As concellerías de Xuventude e Cultura organizan desde o 1 de xullo ata o 14 de agosto obradoiros de Iniciación á edición de fotografía e vídeo, Ferramentas de Intelixencia Artificial, Pintura Mural e Xadrez. As clases impartiranse de martes a venres, en horario de 10.00 a 12.00 horas no multiúsos da Xunqueira, e serán totalmente gratuítas. As inscricións poden facerse no propio multiúsos.