HomePontevedraRedondela ofrece catorce roteiros ambientais e culturais no mes de xullo

Redondela ofrece catorce roteiros ambientais e culturais no mes de xullo

- Anuncio -spot_img

– Como novidade este verán estréase a ruta “Redondela oculta: entre a lenda e a superstición” sobre antigas tradicións e personaxes como a bruxa Benita e Xan Carallás. Os roteiros comezan este sábado cun paseo nocturno por Cesantes e continuarán ao longo do mes con saídas en kaiak, rutas polos ríos Fondón e Pexegueiro ou a observación nocturna de estrelas, entre outras propostas.

-A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros de Turismo, Rita Pérez Táboas, e Sostibilidade, Roberto Villar, presentaron o programa de actividades xunto aos técnicos que farán as actividades. Rivas animou tanto á veciñanza como aos visitantes a participar nestes roteiros organizados para público de todas as idades.

As concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente apostan unha vez máis polas actividades de ecoturismo, de educación ambiental e culturais. Logo do éxito das saídas organizadas en anos anteriores, este mes de xullo ofrecen unha ampla proposta de roteiros e actividades a pé, en bici ou en kaiak, a maioría delas de balde.

Como novidade este verán estréase a ruta “Redondela oculta: entre a lenda e a superstición” a cargo da guía turística Soledad Chayán. No percorrido dáse conta das supersiticións e tradicións arredor dos oficios, sobre todo dos mariñeiros, onde se destacan personaxes como a bruxa Benita, o mago Marcolfo ou Xan Carallás, mítico fundador da vila de Redondela. En xullo haberá dúas citas con esta ruta, os días 15 e 29.

A primeira saída deste mes será mañá sábado cun paseo nocturno “A Punta de Cesantes”, en horario de 21.00 a 23.15 horas. E o domingo día 6 ofrécense dúas propostas: unha ruta guiada polo río Fondón e unha saída en kaiak turístico á Portela, unha actividade familiar para dar a coñecer o patrimonio da Portela e da enseada de San Simón.

Para a vindeira semana hai catro interesantes propostas: o martes unha visita guiada ao cemiterio dos Eidos, o xoves unha divertida sesión de “Orientaventura” en bicicleta en Chan das Pipas, e na fin de semana dúas rutas ambientais: o sábado día 12 un roteiro guiado a Monte Penide e o domingo día 12 a saída será á zona intermareal de Cesantes, desde o peirao ata a Punta.

Na segunda quincena do mes haberá outras interesantes propostas como unha ruta nocturna polo río Maceiras, un roteiro ambiental polo río Pexegueiro ou unha actividade de observación de estrelas na Miñoteira, en Ventosela.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e cultural con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e histórico de Redondela”.  O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”. A alcaldesa, Digna Rivas animou tanto á veciñanza de Redondela como aos visitantes e turistas a participar nestas atractivas actividades organizados para público de todas as idades.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Publicacións Relacionadas