– O grupo Galicia Suroeste, do que forma parte o Concello de Redondela, presentou en FITUR a súa nova marca e a campaña ‘Para Lembrar’, nun acto dirixido pola recoñecida xornalista María Rey e coa participación do trompetista Rubén Simeó.
– A campaña narra un percorrido emulando as texturas das antigas películas gravadas en super8 e cunha banda sonora que versiona un dos clásicos do cancioneiro popular galego. A proxección destaca, entre outras imaxes, a enseada de San Simón e a illa, xunto co litoral de Cesantes.
Galicia Suroeste, grupo no que participa o Concello de Redondela, dá un paso máis na súa estratexia de promoción turística. Coa participación da alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Turismo, Rita Pérez Táboas, xunto aos demais alcaldes e concelleiros do grupo, o destino presentou en FITUR a súa nova imaxe de marca. Un nome que describe a súa posición xeográfica e que pode considerarse máis inclusiva, xa que representa a todos os concellos das catro comarcas que o conforman, entre eles Redondela. A presentación contou coa participación da xornalista María Rey, que dirixiu o acto, e o trompetista recoñecido internacionalmente Rubén Simeó. O músico foi o encargado de poñer a banda sonora á nova campaña, versionando e interpretando en exclusiva a obra “Quen puidera namorala”, poema de Álvaro Cunqueiro coa partitura de Luís Emilio Batallán.
Galicia Suroeste quere competir no mercado turístico, trátase dun xeodestino “con moito potencial, un territorio que contén todo o necesario para aqueles que queren pasar unhas xornadas Para Lembrar”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
No vídeo proxectado recóllense imaxes de cada un dos 14 concellos de Galicia Suroeste. No caso de Redondela a paraxe escollida é a enseada e a illa de San Simón, a xoia da ría, e espazo emblemático que alberga un gran patrimonio natural, paisaxístico e histórico. O audiovisual recolle tamén imaxes de Pontesampaio, o Castelo de Soutomaior, a senda do Barragán ou a Serra do Suído, dentro da comarca de Redondela.
Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, e alcaldesa de Tomiño, salientou na presentación que este xeodestino está “na beira do océano Atlántico e forma parte da ribeira do Miño, cun clima privilexiado, valores culturais milenarios e cunha gastronomía que é referente, polo que formamos un territorio que deixa pegada”.
“Xuntos e xuntas somos mellores e máis fortes”, foi a mensaxe que trasladou ao público asistente o novo Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero.
O grupo Galicia Suroeste está conformado por 14 concellos, ademais de Redondela, Tomiño e Pazos, participan tamén os de Gondomar, Nigrán, Rosal, Tui, A Guarda, Soutomaior, Mos, Baiona, Fornelos de Montes, O Porriño e Oia.