– O Obradoiro de Interpretación Comunitaria comezará en outubro e, ademais de formar ao alumnado nas artes escénicas e a comunicación, servirá tamén para fomentar a cohesión social, a creatividade e a participación activa da veciñanza, ofrecendo un espazo de encontro interxeracional no que compartir experiencias.
– A concellería de Participación Cidadá organiza esta actividade na que, a través da expresión artística, “fortalécese a convivencia e os vínculos comunitarios”. O curso, cun grupo para a mocidade e outro para adultos “crea espazos de encontro entre persoas de diferentes idades, orixes e realidades e favorece a creatividade”.
O Concello de Redondela pon en marcha un Obradoiro de Interpretación Comunitaria. As clases comezarán en outubro cun grupo dirixido á xuventude (de 12 a 16 anos) e outro para adultos (a partir de 17 anos). A interpretación comunitaria é unha actividade “de grande valor educativo, social e cultural”. As aulas, impartidas polo actor e mestre Roberto Casal, “favorecen a inclusión e a integración, a creatividade, a comunicación e a autoestima das persoas participantes”. O obxectivo é promover a participación cidadá nun espazo artístico que promova non só o teatro, senón a cohesión social e o sentimento de pertenza á comunidade
O prazo de inscrición estará aberto desde o 15 ata o 30 de setembro no rexistro do Concello ou na sede electrónica. A participación nesta actividade ten un custo de 79,50 euros para todo o curso, desde outubro de 2025 ata maio de 2026.