A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade que dirixe Roberto Villar pon en marcha mañá mércores un plan de inspección nas pontes e pasarelas de madeira nos ríos Alvedosa e Pexegueiro. O obxectivo é comprobar o estado de conservación destas infraestruturas e facer un traballo de mantemento nelas.
A primeira das pontes peonís en someterse a esta inspección é a situada nas inmediacións da estación depuradora e que conecta coa rúa Ernestina Otero. Para facer estes traballos será necesaria a instalación de andamios, polo que permanecerá pechado o paso de peóns entre as 8.00 e as 13.00 horas na xornada de mañá mércores.
O plan de inspeccións técnicas permitirá manter estas pontes “no mellor estado de conservación e seguridade”, sinala Roberto Villar. O concelleiro explica que estes traballos permitirán determinar o estado actual destas estruturas e previr problemas no futuro, ao tempo que asegura que “non existe ningún risco para os usuarios destas pasarelas”. Con todo, lamenta que estes traballos de mantemento “non se tiveran feito xa hai dez anos ou antes” co que se tería evitado o seu deterioro.

