– Redondela presumirá en FITUR do seu espectacular patrimonio natural, coa enseada de San Simón como a gran xoia da ría. A illa, que será declarada “Lugar de Memoria Democrática”, foi empregada ao longo da historia como mosteiro, lazareto, campo de concentración e fogar para orfos.
– O obxectivo do Concello nesta feira é “poñer en valor o patrimonio natural, paisaxístico e histórico do municipio a través do turismo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora tamén manterá unha xuntanza de traballo en Madrid coa Dirección Xeral de Costas para tratar o proxecto do paseo litoral de Cesantes.
Redondela está presente en Fitur, un dos grandes escaparates mundiais no sector turístico, para promover unha oferta baseada no seu patrimonio natural e paisaxístico, cultural e histórico. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas estarán mañá xoves na feira en Madrid para dar a coñecer unha oferta “baseada nun turismo de calidade e sostible”. A rexedora tamén manterá mañá unha xuntanza de traballo no Ministerio para a Transición Ecolóxica. Rivas reunirase con Ana María Oñoro, Directora Xeral de Costa e Mar “para tratar o futuro paseo do litoral de Cesantes e outros proxectos de interese para a veciñanza de Redondela”, explica a alcaldesa.
Na Feira de Turismo Redondela porá en valor xoias como a illa de San Simón, que será declarada “Lugar de Memoria Democrática”. Esta paraxe, que suma patrimonio natural e patrimonio histórico, atesoura un pasado digno de ser coñecido, xa que foi empregada como mosteiro, lazareto, campo de concentración e fogar para orfos. A intención é “poñer en valor o patrimonio natural, paisaxístico e histórico do municipio a través do turismo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
A oferta turística do Concello inclúe actividades de natureza e culturais para vivir experiencias como remar nun kaiak pola enseada, rutas guiadas por antigos muíños ou visitas polo casco vello, edificios emblemáticos, o cemiterio dos Eidos ou xoias arquitectónicas do século XIX como son os viadutos de Madrid e de Pontevedra. Redondela cota tamén con grandes celebracións ao longo do ano como a Festa da Coca e as ancestrais danzas das Penlas e as Espadas, a Festa do Choco ou o Festival Internacional de Títeres, ademais dunha ampla e variada programación cultural.
Redondela participa en FITUR da man do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, coa campaña que leva por “ Para lembrar”.
Turismo respectuoso e sostible
Redondela aposta por un turismo de calidade e sostible, lonxe das masificacións. A oferta turística, baseada no patrimonio natural e histórico, permite compaxinar actividades para o disfrute dos visitantes co respecto ao medio ambiente. O Concello traballa tamén nun Decálogo de Boas Prácticas que servirá de guía ao sector turístico “para poñer en valor o seu traballo e promover un turismo de calidade, sostible e cunha mellor experiencia para os visitantes”, sinala a concelleira Pérez Táboas.