HomePontevedraRedondela proxecta a reforma integral do camiño de Cidadelle: máis seguridade viaria...

Redondela proxecta a reforma integral do camiño de Cidadelle: máis seguridade viaria e sete miradoiros con áreas de descanso

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto vai máis aló dunha nova pavimentación, xa que será “unha reforma integral da vía que mellora o tránsito de peóns, pon en valor a paisaxe e crea sete miradoiros con zonas de descanso e de encontro para a cidadanía”.

– O goberno local dá así resposta a unha vella demanda da cidadanía logo de rematar a primeira fase da Subida a Cidadelle en 2024. “Cumprimos o noso compromiso de mellorar a mobilidade e a seguridade desta zona que os veciños e veciñas levaban décadas solicitando”, sinala a alcaldesa. Trátase dun proxecto ambicioso no que traballa a concellería de Urbanismo e a de Infraestruturas e Sostibilidade.

– A actuación realízase nun tramo de 1.000 metros de lonxitude actualmente deteriorado e cunha pronunciada pendente. A reforma supón un investimento de 1.050.440 euros e permitirá renovar uns 8.000 m2 de espazo público. O Concello acaba de presentalo á convocatoria do Plan Extra 2025 da Deputación para optar aos fondos provinciais.

O Concello de Redondela proxecta a reurbanización do Camiño de Cidadelle que incluirá a renovación do firme, a mellora da seguridade viaria e a creación de sete miradoiros con áreas de descanso. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto non se limita a unha nova pavimentación, senón que será “unha reforma integral da vía cun novo deseño que favorecerá o tránsito de peóns, porá en valor as vistas panorámicas da zona e creará novas áreas de descanso que serán espazos de encontro para a cidadanía”. Esta zona residencial presenta actualmente unha estrutura urbana deteriorada. O proxecto é un investimento estratéxico “que suporá unha clara mellora na calidade de vida da veciñanza coa mellora das comunicacións no barrio, unha vía máis moderna e segura para os peóns e novos espazos públicos. O goberno local dá así resposta a unha vella demanda dos veciños da zona, logo de rematar a primeira fase da Subida a Cidadelle en 2024. “Cumprimos o noso compromiso e melloramos a mobilidade e a seguridade desta vía, algo que a cidadanía levaba solicitando durante décadas”, sinala Rivas. A alcaldesa lembra que era “unha das prioridades deste goberno: transformar esta zona de Cidadelle para crear os espazos públicos que a veciñanza merece con esta segunda fase que inclúe a contorna do Centro Sociocultural”. Trátase dun proxecto ambicioso no que traballan as concellerías de Urbanismo, que dirixe Antonio Cabaleiro, e de Infraestruturas e Sostibilidade, a cargo de Roberto Villar.

Miradoiros con zonas de descanso

O proxecto inclúe a creación de sete miradoiros ao longo da vía que serán zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Estes espazos porán en valor a paisaxe e as espectaculares vistas panorámicas sobre a ría, ademais de crear lugares de encontro para a cidadanía con mobiliario urbano, bancos, arborado e pérgolas. Situaranse en lugares estratéxicos ao longo da vía, cada 100 metros aproximadamente “para que os peóns poidan parase e descansar”, explica Rivas.

O primeiro deles será no cruce coa Senda da Auga, coincidente co trazado do Camiño de Santiago, onde se dará prioridade aos peóns. O segundo dos miradoiros estará uns 80 metros máis arriba, na zona máis horizontal do camiño de Cidadelle. A terceira das áreas de descanso ubicarase onde se sitúa unha fonte e un cruce de camiños. A cuarta das plataformas situarase na curva de enlace co camiño do Avispeiro. O quinto miradoiro será un dos puntos máis singulares, fronte ao centro Sociocultural de Cidadelle, edificio municipal con múltiples actividades ás que acude a veciñanza onde se creará unha nova zona de descanso. A sexta área será no entronque dos camiños do Cuco e da Quinta, onde se construirá outra zona de lecer con elementos vexetais. Por último, na cota máis alta do camiño de Cidadelle instalarase o sétimo dos miradoiros cunha pequena praza no entronque co camiño da Bruxa e a Estrada da Lamosa.

Renovación das redes públicas

Os traballos incluirán a renovación da rede de abastecemento de auga e a de saneamento, coa incorporación dunha nova rede para as augas pluviais. Isto permitirá optimizar o funcionamento da depuradora cunha notable mellora medioambiental.

O proxecto da reforma integral do camiño de Cidadelle,  cunha lonxitude aproximada de 1.000 metros, supón un gran investimento valorado en 1.050.440 euros. A actuación supón renovar uns 8.000 m2 de superficie nunha zona cunha pronunciada pendente. O Concello acaba de presentalo á convocatoria do Plan Extra 2025 da Deputación para optar aos fondos provinciais.

Publicacións Relacionadas