HomePontevedraRedondela recicla 48 toneladas de roupa usada e dálle unha segunda vida

Redondela recicla 48 toneladas de roupa usada e dálle unha segunda vida

- Anuncio -spot_img

– Redondela reciclou 47.893 quilos de roupa ao longo do pasado ano 2025. O municipio conta con dez colectores de Cáritas para recollida de téxtil en diferentes puntos da vila, Chapela, Cesantes, Reboreda e Cedeira. O consumo masivo de moda barata provocou nos últimos anos un incremento de residuos téxtiles.

– A reciclaxe de roupa por parte de organizacións como Cáritas permite o seu tratamento en plantas de xestión para comercializala en puntos de venda de segunda man. “Trátase dun proxecto de economía circular que xera emprego, reduce a contaminación e o consumo de materias primas”, explican desde o goberno local.

Nos últimos anos, a moda rápida disparou a cantidade de roupa que se produce, pero tamén a que se tira. A industria téxtil é altamente contaminante, tanto no proceso de fabricación como despois na xestión das prendas que xa non se utilizan. Nos últimos anos tamén cambiou a forma en que nos desfacemos da roupa non desexada e é habitual tirar coas prendas en lugar de doalas. Menos da metade da roupa usada é recollida para reutilizar ou reciclar.

Desde o Concello de Redondela foméntase a reciclaxe e roupa e calzado a través da iniciativa “Moda re-” de Cáritas. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que o municipio conta con dez colectores para a recollida de roupa, calzado e téxtil do fogar en diferentes puntos da vila, Chapela, Cesantes, Reboreda e Cedeira. Os colectores son baleirados cada mes por persoal de Cáritas. Ao longo do pasado ano 2025 en Redondela recolléronse 47.893 quilos de roupa, case 48 toneladas. Isto supón que unha familia de catro membros deixa, de media, máis de 6,6 quilos de roupa cada ano nestes colectores.

Depositar téxtil e calzado roupa nestes contedores específicos ten unha dobre vantaxe: por unha banda evítase que acaben na planta de tratamento de Sogama, co custe económico e ambiental que iso supón, e por outra dáse unha segunda vida a moitas prendas que aínda son útiles. Organizacións como Cáritas seleccionan e tratan esta roupa nos seus almacéns e plantas de xestión, para despois comercializala en puntos de venda de roupa de segunda man. “Trátase dun proxecto de economía circular que xera emprego, xa que a roupa precisa clasificación, limpeza, distribución e comercialización”, sinala Álvarez. A roupa que non está en condicións de poñerse á venda tamén é aproveitada e reutilízase na industria de automoción ou mesmo na construción. Por ese motivo desde o Concello faise un chamamentoá cidadanía para que toda a roupa, calzado ou téxtil do fogar do que queiran desfacerse, estea en bo ou mal estado, a depositen nestes contedores.

Publicacións Relacionadas