A utilización deste novo vehículo permitirá que as brigadas que cumpren esa labor nos cascos urbanos pasen a reforzar a limpeza nas parroquias
O Goberno local de Redondela vén de reafirmar a súa aposta pola limpeza viaria coa adquisición dun vehículo barredor Hako-Citymaster 1250 que será utilizado nas zonas urbanas. O novo vehículo foi entregado hoxe ao Concello en presenza da alalcadesa, Digna Rivas e os concelleiros de Vías e Obras e Limpeza Viaria, Vicente Lamas e Alberto Álvarez, respectivamente.
A nova unidade será destinada á limpeza das zonas urbanas o que permitirá que as brigadas municipais que desenvolven esa labor, pasen a reforzar o servizo de limpeza viaria nas parroquias. Na actualidade, lembra a alcaldesa Digna Rivas, “dito servizo xa se está prestando pero agora poderá contar con máis persoal e, polo tanto, mellorar a súa efectividade”.
A varredora entregada hoxe ao Concello de Redondela e que forma parte das últimas novidades da firma alemá, permite unha limpeza a fondo das zonas urbanas, combinando versatilidade, rapidez e economía. Amais, a súa robustez e o baixo custo de mantemento, aseguran un servizo a longo prazo.
Amais de varrer cun sistema que combina o varrido e o aspirado coa pulverización de auga para eliminar o po que se produce nesa labor, está equipada cun sistema de fregado capaz de eliminar as manchas de aceite. Chegado en momento e en casos puntuais, pode ser utilizada para combatir as xeadas –como as vividas hai uns días– xa que pode ser dotado dun sistema de estendido de salmuera.
A alcaldesa Digna Rivas subliñou o feito de que o sistema que utiliza este novo vehículo “é totalmente respectuoso co medioambiente xa que a auga asegura a contención do po e emisión de aire limpo e, a maiores, posúe un sistema de illamento que minimiza os impacto acústico”.
Con esta adquisición o Goberno local mantén a súa aposta pola limpeza viaria, “tanto para que a veciñanza desfrute dun municipio limpo, como de cara a boa imaxe que iso pode dar aos milleiros de peregrinos que todos os anos pasan por Redondela e que neste 2021, Ano Santo Compostelano, se intensificará aínda máis”.