HomePontevedraRedondela selecciona a cen persoas para formarse nun Programa de Emprego dun...

Redondela selecciona a cen persoas para formarse nun Programa de Emprego dun ano de duración

- Anuncio -spot_img

– Redondela pon en marcha un Programa Integrado de Emprego 2025-26 cun total de 100 prazas para persoas en paro. O programa ofrece un plan de formación dun ano de duración con clases teóricas e prácticas. Os participantes reciben formación en novas tecnoloxías e idiomas, entre outras áreas, e tamén realizan prácticas en empresas.

– A alcaldesa, Digna Rivas, anima ás persoas desempregadas a participar neste programa e pon o foco “nos excelentes resultados de inserción laboral” obtidos no Programa Integrado de Emprego 2024-25, xa que “o 85% dos participantes atoparon traballo”.

O Concello de Redondela, un ano máis, pon en marcha un novo Programa Integrado de Emprego, o correspondente ao curso 2005-26. A iniciativa céntrase en mellorar a formación das persas participantes e promover a súa inserción laboral. O proxecto conta con 100 prazas para persoas demandantes de emprego de Redondela, e conta con prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas e risco de exclusión social, menores de 30 anos, maiores de 52 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestacións e subsidios, e mulleres en paro.

Ao longo dos meses que dura o programa os participantes reciben orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego reciben durante o programa ofertas de traballo en liña co seu perfil.

Como compensación, todos os participantes teñen dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por cada día de asistencia ás accións do programa.

A alcaldesa, Digna Rivas, anima ás persoas en situación de desemprego a participar neste programa e pon o foco “nos excelentes resultados de inserción laboral” obtidos no Programa Integrado de Emprego 2024-25. Das 100 persoas que participaron no pasado curso, un total de 85 acadaron un emprego. Para Rivas esta elevada cifra de ocupación demostra “o gran éxito que supoñen estes proxectos para fomentar o emprego”. Os resultados superan, con moito, o obxectivo marcado ao inicio do programa, que establece o compromiso de acadar o 45% de inserción laboral dos participantes. A través dos convenios realizados con empresas da comarca, no programa anterior 30 participantes realizaron prácticas e 21 deles foron contratados nesa mesma empresa.

Información e solicitudes

As persoas interesadas poden informarse no Centro de Formación A Marisma, no  paseo do Pexegueiro, 6, nos teléfonos de contacto 986 40 83 88 e 604 035 909 ou a través do enderezo electrónico per@redondela.gal. Tamén poden facelo na Oficina de Emprego de Redondela do Servizo Público de Emprego de Galicia que lles corresponda, solicitándolle na súa demanda o servizo de “Programas Experimentais (930)”.

O programa está financiado pola Consellería Emprego, Comercio e Emigración cunha subvención de 220.000 euros co cofinanciamento do Concello de Redondela que achega aproximada de 36.000 euros.

Publicacións Relacionadas