HomePontevedraRedondela ten palabra de muller

Redondela ten palabra de muller

- Anuncio -spot_img

– Centros de Día, asociacións Andaina e Lenda, e centros de ensino participaron este mediodía no acto institucional co gallo da conmemoración do 8M baixo o lema “Palabra de Muller”.  A actriz Olga Cuervo foi a encargada de ler o manifesto do Concello de Redondela que reivindica o feminismo como “motor social”.

– A alcaldesa, Digna Rivas, comprometeuse a que Redondela siga a ser un espazo onde a voz das mulleres se escoite “alta e clara, sen intermediarios e sen medos” e lembrou as palabras de Rosalía de Castro “que tivo a coraxe de defender a igualdade e a liberdade das mulleres nun mundo que nos quería mudas e submisas”.

O auditorio da Xunqueira acolleu este mediodía o acto institucional co gallo do 8M. O lema da campaña “Palabra de Muller” quere reivindicar algo básico pero que en demasiadas ocasións foi “silenciado ou cuestionado, a nosa voz”, lembra a alcaldesa, Digna Rivas. No acto participaron diferentes entidades e colectivos. Nesta ocasión os colexio Santa Mariña e Igrexa, o IES Mendiño, os Centros de Día, e as asociacións Andaina e Lenda. A actriz Olga Cuervo foi a encargada de ler o manifesto institucional do Concello de Redondela. Nel deféndese a igualdade real como piar da democracia e esixe políticas transversais para erradicar a violencia machista. Reivindica o feminismo “como motor social” e establece compromisos concretos: impulsar a corresponsabilidade, educar en valores desde a infancia, visibilizar o talento feminino local e garantir recursos públicos para eliminar a desigualdade estrutural. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, explicou que desde o Concello búscase a implicación de toda a sociedade nestes actos. Este ano as palabras de todos os participantes simbolizarán “a diversidade, a loita e os avances cara a igualdade” nunha exposición que se inaugurará mañá martes no Multiúsos da Xunqueira.

A alcaldesa pechou o acto lembrando que coa “Palabra de Muller” Redondela reivindica o valor da palabra “das nosas avoas e nais, do seu traballo na casa, no campo, no mar, ou en fábricas como Regojo, e falamos das nosas fillas, para que poidan estar en pé de igualdade nas universidade, nas empresas, ou onde elas decidan”. Lembrou que “en todo o mundo hai mulleres que sofren violencia, precariedade e guerras” e desde Redondela “expresamos a nosa solidariedade con todas elas”. Como alcaldesa, comprometeuse a que Redondela siga a ser un espazo onde a voz das mulleres se escoite “alta e clara, sen intermediarios e sen medos”. E rematou con verbas de Rosalía de Castro, referente do feminismo en Galicia “que tivo a coraxe de defender a igualdade e a liberdade das mulleres nun mundo que nos quería mudas e submisas”.

Arriba todas, rapaciñas do lugar!                                                                                                                  que o sol e a aurora xa vos vén a espertar.                                                                     

Arriba!

PRÓXIMAS ACTIVIDADES DA PROGRAMACIÓN DO 8M 2026

– Martes 10, 12.00 horas, inauguración da exposición “Palabra de Muller” no Multiúsos da Xunqueira, coas mensaxes creadas por centros de ensino, centros de día, colectivos e asociacións redondelás. O obxectivo é dar voz ás mulleres e ás súas experiencias, convertendo as palabra nun símbolo colectivo que visibilice a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade.

– Venres 13, 19.30 horas. VI Xornadas Gemma Pereira Otero na Oficina de Turismo  “Mulleres Invisibilizadas”, coas intervencións de Pilar Martínez (Médica pediatra e fundadora da ONG Da Man), Mª José Rodríguez (Xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra), Enma Torres (decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo), e Almudena Suárez (Profesora no IES Mendiño e primeira muller segrar autorizada pola Diocese de Tui-Vigo para dirixir a Celebración da Palabra).

– Venres 20 de marzo 18.30 horas, Multiúsos Piñeiral de Chapela. Contacontos para o público infantil “Elas tamén contan”, con Olga Cuervo.

O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a participar nestes actos, todos con entrada de balde. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo igualdade@redondela.gal.

Publicacións Relacionadas