Redondela viaxa no tempo ata 1702 para revivir a Batalla de Rande

adminON
Lectura mínima de 3
  • A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta festa “é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia” e agradeceu á Asociación Cultural e Deportiva de Rande “o traballo incansable que realizan para que todo isto sexa posible”.
  • A Batalla de Rande “é un evento familiar para todos os públicos que recrea o ambiente do século XVIII con representacións e referencias históricas moi coidadas e precisas”, sinala Rivas.

Un ano máis Rande revive unha das batallas navais máis importantes da historia, a que enfrontou en 1702 as tropas angloholandesas e hispanofrancesas na ría de Vigo. Logo da celebración a pasada fin de semana do desfile polas rúas do centro Redondela, hoxe sábado e mañá domingo as actividades céntranse na contorna do museo Meirande, o centro de interpretación da batalla. Mercado, postos de comida, desfiles, obradoiros e oficios tradicionais e representacións animaron a xornada co carpas que protexeron ao público da chuvia.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta festa “é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia” e agradeceu á Asociación Cultural e Deportiva de Rande “o traballo incansable que realizan para que todo isto sexa posible”. Para a rexedora o obxectivo é “que este evento tan importante para o patrimonio histórico de Redondela sexa cada vez mellor e aumente o interese dos veciños e veciñas de Redondela e do resto de Galicia”. A Batalla de Rande, con tres días de celebracións “é un evento familiar para todos os públicos, que ofrece unha programación variada e de gran calidade”, explica a alcaldesa. Digna Rivas puxo en valor o gran traballo da ACDR para recrear “todo o ambiente do século XVIII, con representacións e referencias históricas moi coidadas e precisas”.
Mañá domingo continúan as actividades desde as 11:00 coa apertura do mercado tradicional. Desde as 11:30 e ata as 14:30 haberá obradoiros tradicionais de olaría, escritura antiga, lacado e acuñado de moedas e atraccións infantís tradicionais. Ás 12:00 será o recibimento do Príncipe de Barbanzón e o desfile. Ás 12:30 a representación “A Compañía Barataria e o bastón”. Ás 13:00 a representación “A frota queda en Rande” e ás 13:30 será a última das escenificacións teatrais con “A descarga”.

Comparte este artigo