O Concello subvenciona cursos para maiores de 14 anos que abarcan as áreas da bricolaxe e elaboración artesá, alimentación sá, cociña e restauración, arte e formación, tradicións, novas tecnoloxías, idiomas, coidado persoal, e agricultura; e polos que os participantes só asumen o pago de 1,5 €/hora
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Participación Cidadá, Julia Loureiro, informan de que se atopa aberto o prazo para que as Asociacións Veciñais e Culturais mosenses que estean interesadas soliciten participar no programa Tempo de Lecer 2024.
Trátase dun programa dos máis senlleiros e exitosos do municipio, que leva máis dunha década levándose a cabo acadando elevadas cifras de participación.
O Concello de Mos a través da concellería de Participación Cidadá, subvenciona a organización de actividades dirixidas a poboación xeral maior de 14 anos no ámbito da educación non regrada e actividades de ocio e lecer a través de distintos obradoiros, impartidos nas asociacións da localidade, coa finalidade de favorecer e fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, proporcionando alternativas de lecer no seu medio máis próximo e facilitándolle á veciñanza a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades de ocio ou formativas adaptadas ás súas posibilidades.
“Tempo de Lecer é un programa moi demandado polas asociacións do noso municipio, conta xa con 15 anos de traxectoria, no que anualmente se benefician unhas 20 asociacións e máis de 450 persoas que pertencen ao colectivo de asociacións veciñais, culturais, de maiores e mulleres rurais, que participan en obradoiros temáticos que favorecen a participación e a cooperación social”, explican as resprsentantes municipais Arévalo e Loureiro, quenes tamén detallan que “mediante esta convocatoria ofertaranse un total de 44 obradoiros nos que poderán participar ata 22 asociacións. Cada asociación poderá solicitar a razón de 2 dous obradoiros de 20 h cada un, cun número de participantes entre 12 e 25, quedando este número pendente de determinar pola persoa profesional que o imparta, en función do tipo de obradoiro, as necesidades de atención requiridas”.
Poderanse beneficiarse do programa as asociacións sen ánimo de lucro veciñais, culturais, de maiores e mulleres rurais que estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Mos.
Este programa está dirixido a persoas maiores de 14 anos, empadroadas no Concello de Mos ou que consten como persoas socias/ que formen parte, dalgunha asociación inscrita no Concello. Cada entidade participante para poder levar a cabo estes obradoiros deberá contar con participantes suficientes en cada obradoiro elexido, un mínimo de 12 persoas participantes. Cada asociación poderá solicitar como máximo dous obradoiros de 20 h cada un deles. Un de 20 h (a realizar entre os meses de marzo e xullo) e outro de 20 h (a realizar entre de setembro a decembro). Os obradoiros realizaranse entre os meses de marzo e decembro do 2024. O mes agosto o programa queda suspendido.
Os obradoiros impartiranse en xornadas de unha a tres horas á semana. A entidade solicitante poderá escoller que o obradoiro se imparta durante un ou varios días á semana ata completar o número de horas a data límite para a súa realización será o 15 de decembro do 2024. O custo dos obradoiros para os participantes será a razón de 1, 50 € por hora, o importe será de 30 € por obradoiro de 20 h e por persona. O Concello subvenciona o importe restante ata o custe total por persoa.
Os cursos ofertados abarcan áreas de bricolaxe e elaboración artesá, alimentación sá, cociña e restauración, arte e formación, tradicións, novas tecnoloxías, idiomas, coidado persoal, e agricultura.

