HomeTabeirósA EstradaReices: “As infraestruturas de telefonía e eléctricas da Estrada están nun estado...

Reices: “As infraestruturas de telefonía e eléctricas da Estrada están nun estado desastroso”

- Anuncio -spot_img

“Sabemos que non é unha competencia municipal, pero o alcalde debe instar ás operadoras a mellorar estas infraestruturas, non só polo servizo básico que prestan, senón pola pésima imaxe que traslada do noso concello”

O BNG da Estrada xa ten denunciado en numerosas ocasións o estado das infraestruturas de telecomunicacións non noso concello, un feito que lonxe de mellorar empeora cada día que pasa.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “a situación dos postes e dos cables de telefonía en moitas parroquias é case terceiromundista; hai postes tirados, cables polo chan, cables enmarañados anarquicamente… é a paisaxe que se aprecia en case todas as parroquias”. “Hai casos especialmente escandalosos, como é o do lugar de Vera, en Santo André de Vea”, explica, “alí os cables están tirados polo chan desde o mes de outubro que caeron por mor do temporal Kirk, que afectou o noso país”. “Tamén podemos citar o caso de Fontenlo, en Couso, onde os postes e os cables de telefonía están rozando o chan e os postos inclinados sobre as fincas”, afirma.

O concelleiro nacionalista indica que “aínda que a telefonía non é unha competencia municipal, o goberno do PP e en concreto o alcalde debería preocuparse por esta situación que non é que xa dea unha pésima imaxe do noso concello, é que afecta a un servizo básico dos veciños e veciñas; non é normal a situación que se dá na Estrada”. “O alcalde ten que levantar o teléfono para chamar a Movistar e pedir que arranxen esta desfeita canto antes, que, por outra parte, tamén afecta ao servizo de fibra que presta A Estrada Dixital”, afirma.

Problemas eléctricos

“Por outra parte”, engade Reices, “tamén instamos ao alcalde e mirar polas infraestruturas eléctrica; cada vez que hai uns refachos de vento ou choiva intensa, hai parroquias e lugares do noso concello que quedan sen luz, e case sempre son as mesmas”. “Isto non se pode consentir”, afirma, “os veciños e veciñas pagamos na factura da luz non só pola electricidade que consumimos, senón para que as infraestruturas das eléctricas estean en perfecto estado, cousa que evidentemente non se cumpre”.

Publicacións Relacionadas