“Parece que ao alcalde non lle doe ter o rural así, mais o BNG e exiximos medidas para frear esta desfeita”, afirma o concelleiro do BNG
O portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, vén de denunciar unha vez máis o desleixo do goberno do PP coa recollida do lixo. Segundo explica o concelleiro, “os veciños e veciñas do lugar da Ribeira, en Santo André de Vea, informáronos da presenza de lixo amoreado desde hai semanas sen que até o día de hoxe ningún servizo municipal pasase a recollelo”. “Ademais, “engade Reices, “o contedor do lixo que alí había desapareceu misteriosamente, co cal o amoreamento dos residuos aumentará nos próximos días”.
Mais o concelleiro nacionalista asegura que “isto non é un caso illado, é a norma no rural da Estrada, onde os contedores non só escasean, senón que rotan dunha parroquia a outra nun intento desesperado para tapar as vergoñas do concello”.
“Parece ao alcalde non lle doe ter así o noso concello, cheo de lixo por todas partes”, afirma Reices, que liga esta proliferación de puntos de abandono de lixo co mal funcionamento do punto limpo. “Desde o BNG xa advertimos, pechar o punto limpo durante un mes sen alternativa traería consecuencias que están á vista de todos e todas”, afirma Reices, “pero como o lixo amoréase nas aldeas e no monte ao alcalde non lle doe, mais dá unha nefasta imaxe do noso concello”. “No BNG si nos doe ver o lixo ciscado polo rural, dóenos ver así A Estrada”, afirma Reices.
Desde o BNG instan ao alcalde a reaccionar, “ten que tomar medidas para parar esta proliferación de puntos de lixo polo rural, que para o BNG pasan non só por concienciar á veciñanza, tamén por facer axustes no funcionamento do punto limpo”. “Hai que facilitar que os veciños e veciñas leven o lixo ao punto limpo, non pórlle dificultades”, afirma Reices, “porque se hai lixo amoreado no rural, a culpa é do goberno municipal que non fai ben as cousas, non dos veciños e veciñas, como afirmou o alcalde no último pleno”.