• Esta intervención centrouse na recuperación dos elementos etnográficos incluídos na ruta de sendeirismo ata Cavadosa e conta coas autorizacións de Augas de Galicia e Patrimonio
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro inspeccionaron o remate das obras incluídas na segunda actuación do Pacto pola Paisaxe consistentes nun ambicioso proxecto de recuperación e posta en valor da Capela de San Salvador, a fonte-lavadoiro e o muíño fariñeiro de Cabenca que contaron cun investimento total próximo aos 50.000 euros e que dispón de todas as autorizacións necesarias de Patrimonio e de Augas de Galicia.
Esta actuación que agora remata satisfactoriamente ten como protagonista a recuperación medioambiental e posta en valor da ruta entre Cabenca e Cavadosa, no territorio de Cerdedo, que discorre polas ribeiras do Río Seixo, na aba occidental da Serra do Cando, delimitada como AEIP polo Catálogo das Paisaxes de Galicia.
Así, este investimento permitiu dotar ao entorno da Capela de San Salvador dun pavimento máis acorde co elemento patrimonial ao que rodea e aproveitouse para instalar un sistema de recollida de augas pluviais de escorrentía e a iluminación da zona a través de balizas construídas en chapa de aceiro cortén.
Procedeuse a dotar á Capela de San Salvador dunha zona adoquinada que ten unha delimitación perimentral a través dun bordillo de granito acabado abuxardado na mesma tonalidade.
RECUPERACIÓN DUN MUÍÑO FARIÑEIRO
Ademais actuouse sobre un antigo muíño existente na zona que se atopaba en moi malas condicións de conservación. Así, limpiouse o seu interior de vexetación existente, reparáronse as paredes, instalouse unha porta de acceso, limpouse a presa e acometeuse tamén o acondicionamento da cuberta.
Esta intervención no muíño fíxose de xeito moi coidadoso para preservar ao máximo as peculiaridades desta construción. Así procedeuse a realizar unha limpeza manual do interior, acometer o levantamento dos paramentos verticais que o precisaban, con limpeza das raíces das pedras mediante cepillo e con lanza de auga no exterior.
O peche do tellado levouse a cabo con cuberta tradicional, mediante estrutura portante a base de vigas, viguetas e entaboado de madeira de piñeiro con acabado final de tella curva vermella “do país”.
Tamén se acometeu a substitución de forxados e escaleiras, levantamento de parámetro vertical de mampostería no alpendre para substituir o existente en madeira. Levouse a cabo a cubrición do solado existente de pedra pisada con entarimado de madeira de piñeiro, colocáronse dous barrotes de aceiro no oco da entrada de auga cara a serra, as portas de acceso e fiestras con contraventá.
POSTA EN FUNCIONAMENTO DE SERRA E MOENDA E UN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA PAISAXE, A FLORA E A FAUNA
Unha vez finalizada esta, o Concello de Cerdedo-Cotobade pretende poñer en funcionamento o muíño para os seus cometidos orixinarios, é dicir, para a serra e a moenda. Ademais fíxose unha restauración de apeiros de labranza e ferramentas para a súa exposición, adecuación e limpeza da presa e a canle de subministro de auga, axeitado da vexetación nun radio de 10 metros sobre a construción e renovación do tendido e cableado eléctrico que lle dá servizo, procedente dos postes ubicados na aldea de Cavadosa.
Finalmente, para o acondicionamento do lavadoiro e da súa contorna máis próxima levouse a cabo a execución dunha limpeza completa do mesmo, eliminando a maleza e plantas ou raíces que presenta nos muros de cachotería do elemento. A limpeza foi manual con cepillado e auga, eliminando o material adherido; limpáronse as xuntas da cachotería para o seu tratamento con morteiro. Do mesmo xeito a soleira do lavadoiro foi tratada nos puntos con fugas con morteiro hidrófugo.
Para restaurar o uso orixinal deste elemento executouse unha canalización desde o desaugadoiro da presa do muíño ata o lavadoiro. Antigamente este transvasamento de auga realizábase sobre o terreo, pero tendo en conta que na actualidade o seu uso será simplemente ornamental e didáctico, resulta máis óptimo canalizar a auga desde a presa ata o lavadoiro mediante unha tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro.
A acometida de auga realízase directamente sobre a canle de desaugadoiro e regúlase desde unha arqueta de rexistro construida á beira da canle no que se instalou unha chave de corte de bolboreta. A tubaxe verte directamente sobre o tanque do lavadoiro polo seu lateral sur de igual forma que antigamente.



