HomePontevedra"Responsábeis", a nova marca institucional do Concello que pon o foco "no...

“Responsábeis”, a nova marca institucional do Concello que pon o foco “no compromiso e os pequenos esforzos” de toda a veciñanza

- Anuncio -spot_img

Foi presentada esta mañá polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, como un sinal de identidade do Concello e da veciñanza de Pontevedra, e como elemento inspirador para forxar o futuro.
Un decálogo rexe os obxectivos da campaña que se estende dende o coidado do planeta até o amor por Pontevedra e a equidade social.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou esta mañá a nova marca institucional “Responsábeis. Pontevedra, máis para vivir mellor” que acompañará a acción de Goberno no que queda de mandato, e convida a toda a cidadanía a sumarse “para que asuma como seus os compromisos e os pequenos esforzos que poidan supoñer ser responsábeis”, en palabras de Fernández Lores.

Responsábeis foi presentada no vestíbulo da renovada Casa Consistorial para darlle a transcendencia acaída a unha nova marca colectiva no que a conciencia, o compromiso e a solidariedade serán sinais de identidade.

O alcalde explicou que Responsábeis “xurde do reto de crear unha marca que unise ás persoas arredor dun valor común” e baixo a necesidade do compromiso, dando un paso máis aló do Efecto PO2 arredor do que pivotou a acción de goberno nos últimos anos.

A folla que acompaña a marca simboliza a igualdade e a vida e o lema concrétase en Pontevedra, máis responsábeis para vivir mellor. A nivel visual é unha marca “moderna e próxima, cunha tipografía clara e unha gama de verdes que transmiten vida e sustentabilidade”, segundo explicou o alcalde na presentación.

Os seus destinatarios son, ademais do Concello de Pontevedra para o que Responsábeis é “unha dirección na que traballar, unha inspiración para a acción, un reto colectivo de solidariedade para mellorar o presente e o futuro”, todas as persoas (colectivos, empresas, entidades, institucións) con actividade en Pontevedra “para que asuman como seus os compromisos e os pequenos esforzos que poidan supoñer ser responsábeis”

Ademais, a marca vai máis aló da campaña institucional para convidar aos pontevedreses e ás pontevedresas a exercer os seus dereitos reclamando unha sociedade xusta e un ambiente natural san. Por iso busca avanzar no marco institucional e social para o que é necesario que a sociedade sexa colectivamente responsábel.

Responsábeis vai acompañada dun decálogo que resumiría o esforzo colectivo e solidario (ben sexa grande ou pequeno) “para adiantarse ao futuro, para mellorar as nosas vidas e para deixar un medio e unha sociedade mellor para as xeracións futuras”, segundo o alcalde. O decálogo é o seguinte:

  1. Responsábeis co planeta terra.
  2. Responsábeis coa humanidade.
  3. Responsábeis coa equidade social.
  4. Responsábeis co ambiente terrestre, aéreo e mariño.
  5. Responsábeis coa igualdade.
  6. Responsábeis con Galiza.
  7. Responsábeis cos nosos residuos.
  8. Responsábeis cos nosos ríos e rías.
  9. Responsábeis cos espazos públicos.
  10. Responsábeis con Pontevedra.
    Para divulgar a marca entre a veciñanza, o Concello activou a páxina web pontevedra.gal/responsabeis que se pode consultar a través do web municipal (pontevedra.gal), na que se recolle a imaxe da campaña e os seus obxectivos, así como as accións máis importantes baixo o seu paraugas. Tamén puxo en marcha unha campaña publicitaria a través dos medios de comunicación, que se irá complementando con lonas e mupis de publicidade exterior na cidade e camisetas co logo de Responsábeis.

Publicacións Relacionadas