– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinala que “desde o primeiro minuto puxéronse a traballar todos os medios dispoñibles, tanto para reparar a avaría como para preservar a seguridade das persoas que se atopaban na zona pola celebración da festa da Coca”
– Estanse a investigar as causas da avaría, que se produciu por un incendio no transformador, e queda descartado que tivese que ver coas instalacións da festa e os concertos xa que teñen os seus propios xeradores eléctricos.
– Desde o Concello de Redondela ofrecerase información e asesoramento para que a veciñanza afectada poida facer as reclamacións que estimen oportunas ante a compañía eléctrica.
A rúa Xeneral Rubín e outras do centro da vila, na zona da Picota e Esfarrapada, recuperaron o subministro eléctrico esta madrugada. A avaría dun transformador no campo da feira provocou un corte de luz nesta zona da vila pouco despois das 21.00 horas de onte. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinala que “desde o primeiro minuto puxéronse a traballar todos os medios dispoñibles, tanto para reparar a avaría como para preservar a seguridade das persoas que se atopaban na zona pola celebración da festa da Coca”. A rexedora explica que “evitar riscos para as persoas era a nosa prioridade” e agradece a labor de Protección Civil de Redondela e Policía Local nestas tarefas, así como dos Bombeiros do Porriño. “Afortunadamente ninguén resultou ferido e os danos cinguíronse só á estrutura eléctrica”, sinala Rivas.
A compañía eléctrica despregou un amplo dispositivo que traballou durante toda a noite para arranxar a avaría, de gran envergadura. As zonas afectadas foron recuperando a electricidade ao longo da noite e desta madrugada, quedando restablecido o cen por cen do subministro. As causas da avaría, que se produciu por un incendio no transformador, estanse a investigar, pero queda descartado que tivese que ver coas instalacións da festa e os concertos “xa que teñen os seus propios xeradores eléctricos”.
Asesoramento para realizar reclamacións
A avaría deixou sen electricidade durante varias horas a ducias de vivendas e establecementos de hostalaría, que viron afectada a súa actividade. Desde o Concello de Redondela ofrecerase información e asesoramento para que a veciñanza poida facer as reclamacións que estimen oportunas ante a compañía eléctrica.

