O Concello de Mos acolleu hoxe unha nova reunión informativa sobre a conexión ao saneamento da urbanización de San Antoíño, na parroquia de Louredo. Na mesma participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os concelleiros Camilo Grandal e Baldomero Lorenzo, o xurídico municipal Víctor Rodríguez, a arquitecta municipal Raquel González, así como os portavoces da oposición Alejandro Figueroa e Gustavo Barcia. Tamén asistiron representantes da Comunidade de Propietarios de San Antoíño, o xerente do Consorcio de Augas do Louro, Rufino Rodríguez Cañas, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
O encontro serviu para facer seguimento da adaptación do proxecto á normativa vixente e aclarar os pasos que deben dar os propietarios para avanzar na execución das obras, necesarias para resolver un problema medioambiental que preocupa a todas as partes. Trátase dunha actuación que prevé a reparación de deficiencias e rede separativa de pluviais e fecais.
No 2023, o TSXG eximía a Mos dos servizos da urbanización de San Antoíño pola mala execución das obras por parte do promotor. A sentenza obrigaba a que foran os propietarios os que reparasen devanditas deficiencias da urbanización, tanto internas como relativas á conexión ao saneamento. Para executar dita obra, acordouse un convenio a tres bandas entre Concello de Mos, Consorcio de Augas do Louro —con competencias en materia de saneamento e abastecemento— e Augas de Galicia, establecendo unha execución subsidiaria con cargo aos propietarios.
A obra, cun orzamento de 180.000 euros, está a ser licitada polo Consorcio de Augas do Louro. Todos os permisos sectoriais foron tramitados, mais ao terse iniciado o proxecto en 2023 foi preciso solicitar prórrogas e agora a Confederación Hidrográfica require a súa actualización á normativa vixente.
Deste xeito, a reunión de hoxe tivo carácter informativo e estableceu como puntos clave:
A subsanación do último requirimento da Confederación Hidrográfica.
A continuidade da licitación do proxecto de conexión exterior ao saneamento por parte do Consorcio de Augas do Louro.
O mantemento da comisión de seguimento ata a súa resolución definitiva.
O Concello de Mos reitera a súa vontade de manterse como mediadora neste proceso, acompañando á veciñanza de San Antoíño para que a conexión á rede de saneamento sexa unha realidade o antes posible.