Roberto Carrero decide coorganizar desde o Concello da Guarda as Festas do Monte 2026

adminON
Lectura mínima de 3
  • As Festas do Monte 2026 serán a cargo do Concello e da Asociación Almirante do Mar Oceana

Por decisión do alcalde Roberto Carrero, o Concello da Guarda asumirá a partir deste 2026 a coorganización das tradicionais Festas do Monte Santa Tegra, festa de interese turístico galego, e a nosa celebración máis emblemática.

Esta nova etapa desenvolverase coorganizada coa asociación guardesa Almirante do Mar Oceana. O presidente das Festas do Monte 2026 será José Ángel Gándara Rodríguez, actual presidente da asociación, reforzando así a implicación directa da cidadanía e do tecido asociativo na dirección e coordinación dos festexos.

A decisión da coorganizacion municipal responde o compromiso firme da alcaldía de reforzar unhas festas que forman parte esencial da identidade guardesa. Segundo Roberto Carrero: “O obxectivo da coorganizacion municipal é dar un novo impulso ás Festas do Monte conservando a súa esencia tradicional e ampliar a súa proxección cultural e turística con festexos que conecten directamente coa historia e o carácter festivo e lúdico da festa guardesa por antonomasia”

Pola súa banda, José Ángel Gándara expresa o seu compromiso e o reto que supón ser o presidente das Festas do Monte 2026: “Imos traballar constantemente. Xa estamos a organizar un programa que combinará as verbenas tradicionais con actividades de todo tipo e trataremos de recuperar tradicións perdidas. Haberá sorpresas que espero sexan do agrado de todos e todas” Gándara fai un chamamento a toda a cidadanía guardesa a colaborar coa Festa do Monte 2026: “Espero estar á altura e non defraudar. Pido colaboración e paciencia, moita paciencia á cidadanía para ir avanzando aos poucos. A asociación Almirante da Mar Oceana, os seus membros e voluntarios trataremos de ofrecer unhas festas inesquecibles. Iremos anunciando co concello a medida en que se vaia concretando o programa, actos etc.”

Os departamentos de turismo e cultura do concello da Guarda, a través das súas concellerías, terán tamén un papel fundamental no desenvolvemento das festas tal como veñen desenvolvendo nas celebracións organizadas polo Concello da Guarda (Festa Langosta, Entroido, Nadal).

Comparte este artigo