• Cubela salientou a importancia da emigración galega e os indelebles lazos que vencellan á Galicia Universal a un lado e outro do Atlántico, irmandadas polo son da música e o amor pola nosa terra
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado presentaron o concerto de Roi Casal, “Son galego, Son cubano”, que terá lugar este venres ás 22:30 horas na Praza do Concello, en Cerdedo.
Esta actuación, prevista para o día de San Xoán tivera que ser adiado por mor da choiva que ameazaba con estragar todo este espectáculo onde os ritmos galegos e cubanos mistúranse para acadar unha combinación harmónica indescritible.
O espectáculo musical “Son galego, Son cubano”, do cantante Roi Casal, chega a Cerdedo a través da colaboración entre o Concello de CerdedoCotobade e a Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística que busca homenaxear aos emigrantes galegos que, desde Cuba, axudaron a conformar a identidade galega dándolle protagonismo aos textos do escritor cruceño Xosé Neira Vilas.
A través da música Roi Casal logra conectar as dúas beiras do Atlántico a través da literatura en lingua galega, dos poemas de Xosé Neira Vilas, un autor clásico que non deixou de ser galego cando estivo en Cuba e que sempre se esforzou por manter viva e activa a presenza da comunidade galega na illa caribeña.
A través da música, Casal recorda a importante presenza de galegos en Cuba, en cuxa capital naceron varios dos símbolos da identidade galega como o himno, a bandeira e a Real Academia Galega.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, salientou durante a presentación deste concerto o irmandamento existente entre a cultura galega e a cubana e o importante labor e papel protagonista dos emigrantes galegos na construción do país caribeño que tamén soubo transmitir a súa influencia e parte dos seus costumes aos galegos que, desde a illa, retornaron a Galicia.
“A emigración galega está moi presente nos nosos corazóns e no noso sentimento e non poderiamos entender Galicia sen o fenómeno da emigración ao igual que os nosos emigrantes, auténticos puntas de lanza da Galicia Universal sinten como ninguén o amor pola nosa terra. Froito deste irmandamento natural xurdes estes ritmos acrisolados por Roi Casal que fan deste espectáculo musical un momento único. Ninguén debería deixar pasar a oportunidade de asistir a este concerto para comprender mellor a alma galega e cubana”, indicou Jorge Cubela.