HomePontevedraBaixo MiñoRomper o silencio para salvar vidas

Romper o silencio para salvar vidas

- Anuncio -spot_img

A XI Semana da Educación de Tomiño abordou da man do psiquiatra Enric Armengou unha das realidades máis urxentes da adolescencia: as condutas autolesivas e o suicidio

Este mércores 11 a cita será co rockstar da filosofía David Pastor Vico. Con entrada de balde

Hai realidades incómodas que só empeoran cando se ignoran. Tomiño decidiu miralas de fronte na segunda xornada da XI Semana da Educación, cunha conferencia que apelou á responsabilidade colectiva, á palabra e ao acompañamento como ferramentas clave para a prevención de condutas autolesivas e do suicidio na mocidade.

O psiquiatra Enric Armengou pediu romper co silencio nunha charla clara, rigorosa e profundamente humana dirixida a familias, profesorado e profesionais da educación preocupados por unha realidade que xa é a primeira causa de morte por factores externos entre a xente nova, por riba dos accidentes de tráfico, unha cifra que pode evitarse se se actúa a tempo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou durante a xornada que “cremos que isto non nos afecta, pero cando sabemos que existe e que é a primeira causa de morte entre a mocidade, entendemos ata que punto é un problema que nos interpela como sociedade”. A rexedora destacou a importancia de abrir espazos como a Semana da Educación para “informar, acompañar e dar ferramentas reais ás familias e aos centros educativos”.

Ao longo da súa intervención, Enric Armengou insistiu na necesidade de falar, sen medo nin silencios mal entendidos. “As nosas e nosos adolescentes non sempre nos escoitan, pero vennos e óennos. Por iso é tan importante falar, non quedar sen dicir as cousas por medo a dicilas mal”, explicou. O especialista desmontou un dos mitos máis estendidos: “Nunca por preguntarlle a un adolescente se está a pensar no suicidio se lle vai dar a idea. O risco está en non preguntar”.

Armengou contextualizou o malestar xuvenil nun marco social marcado pola globalización, o individualismo, a perda de comunidade, a sobreexixencia e a procura constante de pracer inmediato. “Hai moitos mozos e mozas conectados todo o tempo, rodeados de xente, pero que se senten profundamente sos. Hai un malestar que non sempre vemos”, advertiu. Entre os principais factores de risco sinalou a frustración, o medo a defraudar, a desesperanza, a soidade e a presenza de trastornos mentais.

O psiquiatra explicou tamén como, cando unha persoa nova non conta con recursos emocionais para afrontar unha crise, poden aparecer síntomas como ansiedade, depresión, trastornos alimentarios, adiccións ou condutas autolesivas. “Cando a dor psicolóxica pesa máis que os vínculos que nos atan á vida, cando o adolescente pensa ‘non importo’ ou ‘son unha carga’, é cando aparece a conduta suicida”, sinalou.

Fronte a isto, Armengou deixou unha mensaxe esperanzadora: a prevención é posible. “Só podemos axudar a crecer aos nosos fillos se lles damos recursos, non solucións feitas”, explicou, apostando por fortalecer os vínculos e acompañar sen xuízos ni prexuízos. “O que mellor tece a relación cun adolescente non é satisfacer todas as súas necesidades, senón calmar as súas angustias”.

Entre as claves prácticas, destacou a importancia de ser modelos, exercer unha autoridade dialogante, acompañar na diversión creativa, practicar a escoita activa e non ter medo a preguntar cando hai sinais de alarma. “Falar de suicidio non produce un efecto contaxio; se se fala ben, prevén”, concluíu.

A XI Semana da Educación de Tomiño continúa así consolidándose como un espazo de reflexión necesario, no que a educación, a saúde mental e o benestar emocional da infancia e da adolescencia ocupan o lugar central. Un lugar onde, como quedou claro nesta segunda xornada, romper o silencio pode marcar a diferenza entre a soidade e a esperanza.

A seguinte cita será este mércores 11 ás 19.00 h co rockstar da filosofía David Pastor Vico nunha charla clave para aprender a comunicarnos con nenas, nenos e adolescentes. No auditorio de Goián con entrada libre.

Publicacións Relacionadas