Os Cafés en Igualdade pechan marzo cun encontro coa matrona Diana Ayude este xoves 26 para visibilizar unha enfermidade que afecta a miles de mulleres
Ás 17.30 h na cafetería San Martiño de balde
O Rosal dá visibilidade á dor de moitas mulleres que permaneceu durante anos invisible. O Concello pecha a programación do 8M cunha nova cita dos seus xa consolidados Cafés en Igualdade, un espazo de diálogo aberto á veciñanza que nesta ocasión poñerá o foco na saúde feminina e na endometriose, unha enfermidade silenciosa que afecta a milleiros de mulleres.
A cita será o vindeiro xoves 26 de marzo ás 17.30 horas na Cafetería San Martiño, onde a matrona especialista en obstetricia e xinecoloxía Diana Ayude ofrecerá a charla ‘Hormonas e saúde’. Durante o encontro abordaranse cuestións clave arredor desta doenza crónica inflamatoria, que afecta arredor do 10% das mulleres en idade reprodutiva e que pode provocar dor pélvica intensa, menstruacións abundantes ou problemas de fertilidade.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia de seguir creando espazos de conversa e sensibilización, porque “temos a responsabilidade de dar visibilidade a realidades que durante anos quedaron fóra do debate público. Falar de saúde feminina, de dor e de enfermidades como a endometriose é tamén unha forma de avanzar en igualdade e de coidar da nosa veciñanza”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou o papel transformador desta iniciativa. “Os Cafés en Igualdade son moito máis que unha charla, son un punto de encontro no que compartir, aprender e cuestionar. Queremos seguir revolucionando mentes tamén desde o coñecemento e a información, abordando temas que forman parte da vida cotiá das persoas”.
Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.



