- O obradoiro comezou en outubro e rematou no mes de maio
O traballo do obradoiro “Tecendo A Guarda” está a encher de cor e adornos mariñeiros durante este verán algunhas das rúas e prazas máis concorridas da Guarda.
O taller celebrouse no Club de xubilados e pensionistas da Guarda e tivo unhas 15 participantes, que traballaron desde outubro para crear estes adornos coa utilización de diversas técnicas.
O programa, que organiza o Concello da Guarda, ten varios obxectivos: a dinamización do ocio, unha maior socialización das persoas participantes e que estas se sintan partícipes da vida comunitaria.
“Xa se está volvendo costume ver así de decoradas as nosas rúas e prazas, pero non hai que esquecer o traballo e a dedicacións destas persoas que deciden inverter o seu tempo libre para a beleza da nosa vila”, recorda o alcalde.
O proxecto ademais pretende dinamizar a vida na rúa, pois converte as prazas e rúas en lugares máis atractivos e estéticos. Os motivos dos adornos xiran en torno ao mar e a vida mariñeira, predominando os peixes, estrelas de mar e a cor azul.
Xa se pode ver parte do seu traballo pola praza de Avelino Vicente, na rúa Concepción Arenal ou na rúa Vicente Sobrino. Moitas grazas a todas as persoas participantes por contribuír a embelecer a nosa vila este verán.

