HomePontevedraPoioSabela Bará: “Este 23 de xullo non temos que votar con medo...

Sabela Bará: “Este 23 de xullo non temos que votar con medo ao que poida vir, senón con orgullo e esperanza do que podemos lograr”

- Anuncio -spot_img

Puxo en valor o traballo realizado por Nestor Rego no Congreso e afirmou que “o BNG é a única forza política coas mans libres para defender os intereses do país”.

“O voto BNG é un voto en defensa dos dereitos e liberdades, e un dique de contención á dereita e á extrema dereita; un voto que vale dobre”.

“Concentrar o voto no BNG e facer que Galiza conte con máis forza e poidamos avanzar en dereitos e liberdades”, proclamou a candidata ao congreso, Sabela Bará, no acto público celebrado nos exteriores do Casal de Ferreirós, apelando a que non hai que votar con medo do que poida vir, senón con “orgullo e esperanza do que podemos lograr”.

“Temos que votar en clave galega, en clave de país, porque como dicía Celso Emilio, non virá de fora remedio ou esperanza”, afirmou Sabela Bará, quen recalcou que o BNG é a única candidatura coas mans libres para defender Galiza, a única que non vai estar submetida ao ditado de decisións que emanan de Madrid.

“Máis que unha campaña electoral as forzas políticas centralistas están a facer un reality, con entrevistas e titulares máis propios da prensa rosa que dunha campaña electoral seria. Iso si, en todas elas hai un denominador común: os nosos problemas, as nosas necesidades, non existen.

E non existen, porque non teñen nada que ofrecer, nada, e por iso se negan a debater dos problemas que afectan aos galegos e galegas” .

Ter un grupo galego forte do BNG é a única garantía de que os nosos problemas se atendan. E cando máis forza teñamos, máis poder de decisión teremos para que se implementen solucións aos nosos problemas e necesidades. “Para lograr dunha vez por todas unha AP-9 galega e libre de peaxe, para desenvolver unha transición enerxética xusta, para que poidamos contar cunha tarifa eléctrica galega que beneficie ás nosas empresas e ás nosas veciñas, para que teñamos uns servizos públicos de calidade, para defender os dereitos e liberdades e reclamar as transferencias necesarias para Galiza”.

Sabela Bará foi precedida polo concelleiro Iago Garrido, o veciño da Barca, Carlos Carcía, e pola portavoz municipal, Marga Caldas. Caldas salientou que “grazas ao BNG tiveron lugar as rebaixas históricas na AP-9 e se impulsaron as accións necesarias para a recuperación da titularidade pública da Casa Barroca de Combarro”

A portavoz municipal do BNG afirmou que o BNG levará ao Congreso demandas históricas da sociedade de Poio como a recuperación da fachada litoral entre A Barca e Lourido e entre A Seca e Combarro, conectando zonas estratéxicas para o desenvolvemento turístico e ambiental de Poio, e a instalación de pantallas que reduzan a contaminación acústica da AP 9 ao seu paso pola Barca e Porto Santo

Publicacións Relacionadas