- Un proxecto que contará cun investimento de 1 millón 200 mil euros e que traerá consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro.
- Unha actuación que será financiada con fondos do Plan Extraordinario da Deputación Provincial e tamén con fondos propios do concello de Soutomaior.
O Concello de Soutomaior saca a licitación o proxecto da “reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade como espazo público”.
Un proxecto que suporá unha mellora do núcleo urbano de Arcade para favorecer tanto a vida da veciñanza como aos negocios que alí se encadran. Uns traballos que contarán cun investimento de 1 millón 200 mil euros e que traerán consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro.
Na actualidade a praza de Talo Río presenta un importante deterioro e funciona como dúas rúas independentes e non como unha praza. O novo núcleo urbano de Arcade terá unha praza de pedra con materiais nobres e un corredor verde con árbores e un bosque no que se integrará o actual parque infantil. Ademais este proxecto tamén elimina un dos principais problemas que ten hoxe por hoxe a Praza de Talo Río que son as barreiras arquitectónicas motivadas, sobre todo, por un firme de xabre que no inverno supón un importante problema para as persoas de mobilidade reducida e que ten ademais diferentes desniveis que obrigan as persoas a ter que desprazarse varios metros para transitar a praza dun lado ao outro.
O alcalde lembrou que “esta obra tamén vai a resolver problemas que creo transcenden ao propio ámbito do municipio en relación ao gran problema de separativas de pluviais e fecais que estaban supoñendo importantísimos verquidos á ría e que imos a sanear grazas a esta actuación nesta zona”.
Unha actuación que será financiada con fondos do Plan Extraordinario da Deputación Provincial e tamén estará financiada con fondos propios do concello de Soutomaior.
Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “dende o Goberno Local traballamos no novo modelo urbano de Soutomaior, un modelo que xa está vivo e se pode observar en actuacións como as obras do Val-Sobral, do Camiño de Santiago e que con esta actuación en Talo Río suporá unha transformación, modernización e mellora importantísima do núcleo urbano de Arcade”.
O alcalde quixo hoxe “agradecer á veciñanza e os comercios a ilusión e os azos que nos trasladan e agradecerlle ademais a súa aposta e ilusión co novo modelo urbano que xa se respira no concello”.



