Salceda aprobará o I protocolo contra o acoso sexual e acoso por razón de sexo

adminON
Lectura mínima de 2

O protocolo inclúe a formación obrigatoria para todas as persoas traballadoras e asegura o apoio  legal e psicolóxico para as vítimas, así como a súa reinserción 

Concello e sindicatos asumen un compromiso conxunto coa concienciación, información e  prevención do acoso así como coa posta en marcha de medidas de protección que garantan un  entorno laboral libre de violencia e acoso 

Nesta semana vén de celebrarse a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Salceda de  Caselas para a posta en marcha do protocolo contra o acoso sexual e acoso por razón de sexo. Na  proposta de protocolo, Concello e sindicatos asumen un compromiso conxunto coa concienciación,  información e prevención do acoso así como coa posta en marcha de medidas de protección que  garantan un entorno laboral libre de violencia e acoso.  

O protocolo inclúe a formación obrigatoria para todas as persoas traballadoras e asegura o  apoio legal e psicolóxico para as vítimas, así como a súa reinserción. 

Por outra banda preténdese incidir nas medidas de prevención e sensibilización. O principio  de garantía estará presente no procedemento de instrución dos casos que poidan presentarse, así  como a transparencia na instrución e a protección dos datos das persoas afectadas.  

Deste xeito o Concello de Salceda súmase aos Concellos pioneiros en Galicia que apostan  pola actuación contundente fronte aos casos de acoso sexual e por razón de sexo, tendo presente  sempre que o acoso sexual é unha forma de violencia de xénero. 

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Ninguén dubida do noso compromiso pola igualdade  e a loita ante as violencias machistas, e que actuaremos sempre con firmeza e determinación. Este  protocolo é un paso máis dentro dese compromiso, camiñando da man Goberno e Sindicatos”.

Comparte este artigo