A Asociación Cultural A Feira reúne sete agrupacións no seu 8º encontro de danzas tradicionais
A Asociación Cultural A Feira, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, organiza o 8º Encontro de danzas tradicionais, que se celebrará o vindeiro sábado 27 de decembro na Praza do Concello. Nesta ocasión, ademais do grupo anfitrión que presentará as danzas de reis e de entroido, e do grupo O Serán que fará o canto de Reis de Salceda, poderemos gozar coa presentación de outras danzas chegadas de diferentes puntos de Galicia e Portugal.
Óscar Troncoso, compoñente do rancho da Feira, presentou o encontro como un evento que despois de 8 edicións está no camiño de consolidarse e transformarse xa nun dos referentes da provincia de Pontevedra: “o solsticio de inverno marca o inicio das danzas brancas, nas que se engloban tamén os nosos ranchos”.
A Asociación Cultural da Feira leva dende o ano 2018 traballando na recuperación dos ranchos de Reis e Entroido de Salceda, dando o importante paso ademais de formar a nenos e nenas dende moi pequenos para garantir deste xeito a supervivencia desta tradición.
O Rancho de Reis de Salceda é diferente de tódolos demais, e único pola súa formación. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador, e obsequiarao cunha ribeirá que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que loce a dama, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas.
O Rancho de Entroido ten unha formación diferente aínda que un funcionamento semellante. Neste caso son seis danzantes e dúas damas, cunha estrutura igual que a do rancho de Reis, co que comparte ademais a mesma música, que no caso do rancho de Reis vai acompañada de gaita e caixa, e no caso do rancho de Entroido introduce ademais o bombo, necesario por que os ranchos de Entroido de Castro barreiro e A Feira enfrontábanse danzando ao mesmo tempo, polo que era fundamental incrementar a percusión para que cada un dos grupos puidese manter o ritmo.
Ademais das formacións de Salceda, o festival conta coa participación de:
- Canto e danza de Reis de Santiago de Oliveira (Ponteareas), por parte da A. C. Muíños de Oliveira. Esta asociación leva anos mantendo vivo o legado da parroquia, polo que o canto e danza de reis de oliveira tense convertido xa nun dos imprescindibles nas épocas de Nadal.
- Representación do Entroido de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade): Este Entroido foi recuperado este mesmo ano 2025 despois de máis de medio século desaparecido, o que permitiu o regreso de figuras como as vellas, os madamitos e as madamitas, os maragatos ou as muradanas”
- Danza de Entroido de Torea (Muros): documentado dende finais da década de 1910 e recuperado pola Asociación Cultural Faltriqueira. As figuras tradicionais, coñecidas como Antroidos, son máscaras elegantes de danzantes do tipo das madamas e galáns.
- Danza de pauliteiros de Miranda (Miranda do Douro): trátase dunha danza de paus realizada tradicionalmente por homes que bailan ritmos tradicionais da serra de Miranda. A danza representa momentos históricos locais, acompañada pola gaita de foles e bombo.



