Este vindeiro mércores, 26 de marzo, terá lugar a segunda sesión da iniciativa “puntos de atención dixital” que a Fundación Esplai está a desenvolver en Salceda de Caselas nun proxecto pioneiro en Galicia. As sesións estanse a levar a cabo o último mércores de cada mes nas oficinas exteriores do Concello de Salceda e pretenden dar resposta ás necesidades manifestadas polas persoas maiores do municipio que están en contacto coa fundación e coa concellería de benestar social a través de diferentes proxectos. Deste xeito préstase unha atención directa para a resolución de dúbidas e problemas co manexo dos dispositivos electrónicos (móbiles, tabletas, etc).
O pasado mércores 26 de febreiro celebrouse a primeira sesión, que tivo unha moi boa acollida por parte das persoas maiores, e este mércores 26 de marzo chega a segunda xornada. A atención desenvólvese en horario de mañá (de 9.00 a 13.00), coincidindo coa celebración do mercado semanal dos mércores na propia Praza do Concello. Un total de 16 persoas poden ser atendidas en cada xornada, para o cal deben achegarse no propio día á oficina habilitada e reservar a súa quenda de atención nun horario concreto.
A Fundación Esplai realiza este proxecto de forma pioneira en Salceda, animadas polos bos resultados que están a ter as diferentes iniciativas plantexadas no municipio en constante colaboración coa Concellaría de Benestar Social e Ensino que dirixe Selene González. Neste caso a iniciativa vai dirixida fundamentalmente, aínda que non de xeito exclusivo, ás persoas maiores, pero a Fundación traballa tamén en Salceda con diferentes iniciativas dirixidas á infancia e á xuventude.
Selene González: “a tecnoloxía chegou para quedarse e como administración debemos promocionar a autonomía persoal e garantir que os dereitos tecnolóxicos das persoas maiores se cumpla. Seguiremos apostando polo benestar social da nosa veciñanza coa mellor calidade dos servizos”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, destacou que “comezamos o ano escoitando e analizando as necesidades da veciñanza, e unha vez que tivemos os resultados poñemos en marcha iniciativas que dean resposta ás demandas prantexadas. Neste caso dúas educadoras sociais ensinan e resolven as dúbidas das nosas persoas maiores, tal e como elas mesmas solicitaron. Un servizo de calidade e gratuíto que contribúe ao seu benestar social”