O proxecto, cun orzamento de 57.141,50€, conta con unha axuda de 48.503€ por parte do AGADER
O Concello de Salceda de Caselas vén de recepcionar a obra de mellora da pavimentación no lugar do Coto da Revolta, no entorno do IES Pedras Rubias. A obra, ademais de beneficiar á veciñanza da zona, favorecerá tamén á comunidade educativa do IES, dende a cal se tiña trasladado tamén a necesidade de acometer esa reforma. O proxecto, cun orzamento de 57.141,50€, conta con unha axuda de 48.503€ por parte do AGADER, e a diferenza é asumida con fondos propios do Concello.
O proxecto consistiu na mellora de dous viarios de titularidade municipal que proporcionan acceso a diversas parcelas agrícolas situadas nas súas marxes, condición para que a obra puidese ser financiada polo AGADER. Ademais de renovarse o firme, procedeuse tamén ao ensanche de grande parte da estrada e ao pintado de todo o entorno do IES, incluíndo reserva de espazo para tráfico peonil. A obra completarase proximamente co pintado de prazas de aparcamento para motos, pois é moito o alumnado do centro que empregan este vehículo para asistir a clase.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, lembrou que “nos últimos anos levamos acometido diferentes melloras no entorno do IES Pedras Rubias, e agora tocaba actuar sobre a propia estrada. Dende o Concello tócanos agradecer a implicación e colaboración do equipo directivo do centro, e a súa boa predisposición para que as obras se executasen da maneira máis eficiente”.
O proxecto incluíu ademais a creación dunha pequena área de lecer na parte traseira do edificio escolar, coa colocación de dúas mesas de pedra e os seus correspondentes bancos, así como a dotación de vexetación. Esta zona está xa a ser empregada pola comunidade educativa tanto dentro como fora do horario escolar, ofrecendo un espazo amable nun entorno natural.
O Concello de Salceda segue deste xeito a mellorar a rede viaria municipal, cun especial esforzo nas estradas das diferentes parroquias.