HomePontevedraSalceda revalida por segundo ano consecutivo a súa cuarta flor de honra...

Salceda revalida por segundo ano consecutivo a súa cuarta flor de honra no certame Vilas en Flor

- Anuncio -spot_img

Os Concellos que permanecen no máis alto do podio de premiados son Salceda de Caselas, Tomiño, Carballo, Allariz e Chantada

O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor para este ano 2025, sendo un dos cinco Concellos que contan con catro flores de honra, a máxima distinción outorgada ata o de agora: Salceda de Caselas, Allariz, Tomiño, Carballo e Chantada.  A Alcaldesa, Loli castiñeira, recolleu o diploma honorífico na gala organizada no Concello de Carballo, na que se deron citas alcaldes e alcaldesas de toda a xeografía galega. A Alcaldesa amosou a súa satisfacción por revalidar as catro flores de honra “que nos reafirman como un Concello que traballa por e para as persoas, recuperando espazo público para goce da veciñanza, e con unha preocupación especial polo medio e a natureza”.

O programa Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes, e neste ano destacou en Salceda proxectos como o cambio de luminarias como exemplo medioambiental ou a recuperación do Carreiro do Rollo como exemplo patrimonial. Vilas en Flor recoñece deste xeito o traballo continuo que vén desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna.

No pasado mes de outubro, o xurado visitou o noso municipio acompañado por Marcos Troncoso, Concelleiro de Turismo, e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda. O xurado, formado por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería, o paisaxismo e o turismo, valorou moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos polo Concello de Salceda, en  aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o equipo de goberno, queren recoñecer e agradecer o traballo dos distintos departamentos municipais e empresas de mantemento que fan posible que o noso Concello sexa xa un referente: dende o persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, urbanismo etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza Lume emprego nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. Ademais a Alcaldesa quixo trasladarlle os parabéns á veciñanza de Salceda por involucrarse no coidado de pobo e sentir orgullo da súa vila.

Publicacións Relacionadas