• O Pleno ordinario de agosto abordou a elección destas festividades, así como a designación dos representantes da Corporación local na Comunidade de Usuarios de Abastecemento de Auga nos Concellos de Cuntis e Moraña
A Corporación municipal cuntiense celebrou onte xoves o Pleno ordinario de agosto, no que se aprobaron varios temas de interese. Un deles foi a designación oficial dos festivos locais na vila, correspondentes ao ano 2025. Todos os grupos amosaron o seu respaldo unánime á proposta realizada desde Alcaldía, de definir como xornadas festivas o 11 de xullo, día de San Bieito, e o 18 de agosto, día de San Antón, que coincidirán en venres e en luns, respectivamente. Esta cuestión tratouse durante a sesión como un punto de urxencia, xa que, tal e como explicou o alcalde, Manuel Campos, o Concello recibiu esta mesma semana unha comunicación por parte do departamento provincial de Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social solicitando que se lle enviase canto antes a confirmación dos festivos locais do vindeiro ano. Toda vez que a data límite para dar resposta a este requerimento era o 30 de setembro, optouse por incluír o punto pola vía de urxencia e someterse a votación. Unha vez aprobado, remitirase ao ente dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o acordo xerá exposto na páxina web do Diario Oficial de Galicia (DOG).
Concello de Cuntis
alcaldia@concellodecuntis.es concellodecuntis.org
989188118

Por outra banda, no Pleno tamén se aprobou por unanimidade a elección de representantes da Corporación local no órgano colexiado da Comunidade de Usuarios de Abastecemento de Auga nos Concellos de Cuntis e Moraña, dando así resposta ao requerimento de Augas de Galicia. Ademais do alcalde, formarán parte deste órgano en representación da Administración cuntiense a tenente de alcalde, Conchy Campos Fernández, e o concelleiro José Antonio González Fontán, responsable das áreas de Cultura, Deporte e Educación. Asemade, o Pleno aprobou a adenda ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra para a contratación de sistemas de impresión e dixitalización, que o organismo provincial impulsa para beneficio das Entidades Locais. No caso de Cuntis, este investimento destinouse a renovación de material, como fotocopiadoras, en diferentes equipamentos municipais.

