San Miguel camiña cara a primeira comunidade enerxética do Rosal

adminON
Lectura mínima de 3

A Universidade de Vigo e Concello porán en marcha na parroquia un proxecto piloto que converterá ao municipio en modelo de transición enerxética sostible no rural

O futuro enerxético do Rosal comeza a tomar forma na parroquia de San Miguel. Co impulso da Universidade de Vigo e dentro do proxecto europeo EC4Rural, o Concello da un paso decisivo para camiñar cara a creación da primeira comunidade enerxética fóra do núcleo urbano do municipio cunha iniciativa pioneira que pon ás persoas e ao territorio no centro da transición ecolóxica.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e membros do Goberno municipal mantiveron un encontro na Sociedade de San Miguel con representantes do tecido asociativo e social, como da comunidade de montes, traídas de augas e colectivos locais como as pandereteiras, o grupo do coro parroquial ou o grupo de memoria para expoñer con detalle a proposta para a creación desta comunidade enerxética. A cuberta do edificio comunal podería ser unha das ubicacións para instalar paneis solares que permitan xerar enerxía sostible e limpa para compartir coa veciñanza da parroquia.

“Tivemos unha resposta extraordinaria por parte de todos os colectivos e vimos moita ilusión e compromiso por parte das e dos participantes. A implicación de todas e todos é fundamental para converter a San Miguel nun exemplo de autosuficiencia enerxética”, resaltou a rexedora.

O encontro contou tamén coa participación de Xavier Simón, catedrático da Universidade de Vigo e representante do proxecto EC4Rural, ademais de responsable do Observatorio Eólico de Galicia. O investigador e o equipo técnico da Oficina da Enerxía do Rosal explicaron ás persoas asistentes as vantaxes ambientais, sociais e económicas deste modelo, que permite aforrar na factura da luz a todos os veciños e veciñas ao tempo que reduce a pegada ecolóxica e xera unha nova cultura da enerxía dende abaixo.

Como destacou Fernández Callís, “no Rosal temos xa unha longa tradición de xestión comunitaria coa auga e co monte. Agora tamén queremos facer da enerxía un ben compartido e xestionado pola veciñanza. Isto vai de empoderamento, de calidade de vida e de sostibilidade real”.

Esta comunidade enerxética será a primeira impulsada nunha parroquia do rural rosaleiro, fóra do núcleo urbano, e forma parte da estratexia do Concello para converter O Rosal nun referente en transformación enerxética. En vindeiras datas, o Concello convocará unha nova xuntanza aberta con toda a veciñanza de San Miguel para continuar avanzando con pasos firmes nesta transformación histórica.

Comparte este artigo