O auditorio acollerá o tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián o sábado 22 (19.30 h) e o espectáculo ‘Solo’ de Roi Borrallas o domingo 23 (17.30 h)
A cultura volve reivindicar a súa forza este fin de semana en Tomiño cunha programación que promete emoción, música da boa e teatro do que deixa pegada. O Concello prepara dúas citas imprescindibles no Auditorio de Goián co obxectivo de seguir achegando propostas de calidade á veciñanza e continuar consolidando este espazo como un referente cultural na comarca.
Santa Icía: unha tarde para vivir a música en comunidade
O sábado 22 de novembro, ás 19:30 h, celebrarase un dos concertos da Agrupación Musical de Goián máis agardados, Santa Icía, patroa das e dos músicos.
Abrirá a xornada a Banda Xuvenil da Agrupación Musical de Goián, que deixará paso á actuación da Agrupación Musical de Goián, cun programa deseñado con coidado e ilusión para emocionar ao público desde a primeira nota. Este ano, ademais, a velada contará co a presentación oficial das novas incorporacións da banda, un acto que simboliza o relevo xeracional e a continuidade dunha tradición musical profundamente enraizada en Tomiño.
Teatro para rir en familia
A fin de semana completarase o domingo 23 de novembro ás 17:30 h coa representación de ‘Solo’ co artista Roi Borrallas, unha proposta de teatro familiar chea de tenrura e comicidade. A obra mergúllanos no camerino dun pallaso que, ao quedar só, confunde os límites entre a persoa e o personaxe. Un espectáculo que combina títeres, manipulación de obxectos, máscaras e humor para falar da soidade e das múltiples caras que adoptamos no día a día. As entradas teñen un prezo de 5 euros, dispoñibles a través de Sporttia ou no despacho de billetes do propio auditorio desde unha hora antes da función.



