HomePontevedraBaixo MiñoSanta María de Tebra prepárase para estrear un novo corazón arredor da...

Santa María de Tebra prepárase para estrear un novo corazón arredor da súa igrexa románica

- Anuncio -spot_img

O Concello presentou nunha reunión aberta a toda a veciñanza o proxecto de recuperación integral da contorna, unha intervención que suporá un investimento máis de 1 millón de euros

Un espazo histórico chamado a converterse no gran punto de encontro da parroquia inicia a súa transformación máis ambiciosa. O Concello de Tomiño mantivo unha reunión aberta con toda a veciñanza de Santa María de Tebra para presentar o proxecto de recuperación integral da contorna da súa igrexa románica, unha actuación que superará o millón de euros de investimento e que marcará un antes e un despois na vida comunitaria.

Tras unha primeira rolda de encontros cos colectivos da parroquia, o Goberno local quixo compartir co conxunto da veciñanza os detalles dunha intervención que nace dun proceso participativo co tecido asociativo e veciñal. O resultado é o proxecto ‘Recuperación do espazo público para as persoas na contorna da Igrexa de Santa María de Tebra’, unha proposta que incorpora unha visión global da parroquia e responde ás demandas trasladadas pola propia comunidade.

Para facer realidade esta transformación, o Concello adquiriu por 140.000 euros unha parcela estratéxica de 2.300 metros cadrados situada fronte á fachada do templo. Neste ámbito crearase unha nova praza pública aberta e multifuncional, pensada como espazo de encontro para veciños e visitantes e como elemento de posta en valor do excepcional patrimonio da zona.

A intervención integrará e realzará a Igrexa de Santa María de Tebra, xoia románica do século XII que conta cunha das poucas torres de campanario viradas de Europa. Tamén se porán en valor elementos singulares como o Tetón, o cruceiro de Tebra, a Casa do Teodosio e a contorna do cemiterio, dando cohesión aos espazos históricos e culturais da parroquia.

O proxecto inclúe ademais a adecuación dun espazo para aparcadoiro, o estudo da renovación do alumeado público e a mellora de infraestruturas menos visibles pero fundamentais, como o saneamento ou o soterramento das telecomunicacións. Xunto a isto, actuarase na estrada de acceso á parroquia, creando unha infraestrutura peonil accesible e segura que conectará a nova praza co centro social, o colexio e os equipamentos culturais, facilitando a mobilidade cotiá.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estamos ante unha intervención histórica para Tebra, que nace do diálogo coa veciñanza e que pon ás persoas no centro do deseño do espazo público. Non se trata só dunha obra urbanística, senón de crear un novo corazón para a parroquia, un lugar onde convivir, celebrar, compartir e impulsar novas oportunidades”. “Tebra merece un espazo á altura da súa identidade, da súa historia e da súa veciñanza, e ese é o camiño que estamos a construír xuntos”, concluíu a rexedora.

O conxunto da actuación permitirá dispoñer dun espazo capaz de acoller desde actos relixiosos ata encontros veciñais, celebracións, propostas culturais e iniciativas económicas locais, reforzando a identidade e a cohesión social de Tebra.

Con este proxecto, o Concello reafirma o seu compromiso coa recuperación de espazos públicos de calidade nas parroquias, coa protección do patrimonio e cun modelo de mobilidade sostible e accesible para todos os públicos, replicando o modelo desenvolvido nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián.

Publicacións Relacionadas