HomePontevedraO SalnésSanxenxo pecha 2025 cun aviso do ministerio de Facenda para axustar o...

Sanxenxo pecha 2025 cun aviso do ministerio de Facenda para axustar o seu desequilibrio económico e cun déficit e redución de servizos básicos consecuencia da mala xestión de Telmo Martín

- Anuncio -spot_img

 O BNG critica o “ano perdido” por parte do Goberno do Partido Popular, no que non se promoveron demandas históricas, volvéronse a subir impostos como o IBI e o prezo da piscina municipal, e se eliminaron prestacións de necesidade como as ludotecas

 Desde o Bloque lamentan que “un concello co potencial que ten Sanxenxo continúe á deriva como consecuencia da política de formigón e cemento do alcalde”

A política de cemento e formigón que caracteriza a xestión de Telmo Martín deixa a Sanxenxo nunha situación moi preocupante. Esta é o feito principal que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia á hora de facer balanzo do labor do Goberno do Partido Popular neste 2025, un ano no que Sanxenxo foi requirido polo Ministerio de Facenda para que corrixa o seu desfase orzamentario, sendo un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que recibiron este aviso por parte do Estado. Os nacionalistas denuncian que “esta situación só se vai poder enmendar a base de subir máis impostos, logo de que ao longo deste ano xa se aplicase unha suba moi importante no IBI e se incrementasen os prezos da piscina e do ximnasio municipal”. O Bloque lamenta que un concello co potencial que ten Sanxenxo “continúe á deriva pola falta de capacidade do señor Martín, cuxos proxectos faraónicos urbanísticos supoñen unha sangría para os petos da veciñanza”. Neste sentido, non hai que esquecer que Sanxenxo conta a día de hoxe cunha das débedas máis elevadas da contorna, como consecuencia do préstamo que houbo que solicitar para poder afrontar o pago millonario da sentenza xudicial correspondente á expropiación da finca das Cunchas, na que “sen dúbida foi unha das xestións máis nefastas realizadas na historia deste Concello, a pesares de que o alcalde asegurou no seu día que non ía costar un só euro”.

A situación económica, cada vez máis preocupante, non é o único punto negro dun Goberno municipal que pecha un 2025 “para esquecer”. Nos últimos meses volveu quedar constancia do déficit de servizos que existe en Sanxenxo e que cada vez é máis acuciante. Ao estado de abandono no que se atopan as parroquias do rural, cun servizo de recollida do lixo deficiente e con espazos públicos e vías municipais sen limpar e adecentar, hai que sumar tamén a decisión de Telmo Martín de eliminar as ludotecas, o que “supón un golpe moi duro para a conciliación dun gran número de familias. É inaudito que a un alcalde non lle trema o pulso para suprimir prestacións de primeira necesidade, ao tempo que se sube o soldo e que incrementa a presión fiscal sobre a veciñanza”, critican desde o Bloque. Todo isto co agravante de que o Goberno local do Partido Popular non escoita á veciñanza. Os nacionalistas enumeran varios exemplos que demostran a falta de transparencia e de comunicación do equipo liderado polo alcalde coa cidadanía. “Neste 2025 tivemos que ver como o señor Martín permitía a ocupación da praza pública e da Casa de Cultura de Bordóns por parte dun negocio privado e de como desenvolvía unha reforma no Mirador da Peixeira, en Portonovo, que resultou un auténtico desastre; sen esquecer o cambio radical que lle deu á Festa da Raia sen ter en conta aos colectivos locais”, denuncia o Bloque Nacionalista Galego.

Por se todo isto fose pouco, 2025 volveu a ser tamén “un ano perdido” no que se refire á consecución da realización de demandas históricas, como o soterramento das liñas de tensión da subestación de Vilalonga, a construción da conexión entre esta parroquia e o polígono de Nantes ou o reforzo de persoal nos Centros de Saúde de Baltar e Vilalonga, que se atopan desde hai tempo nunha situación de colapso absoluto. “Os feitos demostran que o peso político de Telmo Martín con institucións nas que goberna o seu propio partido é nulo, por moito que intente compensalo con fume e anuncios de proxectos faraónicos que, maila que se leven a cabo, probablemente acabarán sen mantemento e abandonados, como xa ten sucedido con varias infraestruturas e equipamentos municipais”, lamentan os nacionalistas.

Traballo desde a oposición

Por outra banda, desde o BNG salientan o labor realizado pola agrupación, seguindo coa su liña de traballo, á hora de estar en contacto coa veciñanza e promover propostas que axuden á mellora da súa calidade de vida. Neste senso, o Bloque salienta o éxito das reunións parroquiais celebradas durante a pasada primavera, da que saíron peticións que posteriormente foron levadas a Pleno ou executadas polo Goberno local, algo que non se daría feito doutro xeito. “Fomos quen de conseguir que por fin se actuase para mellorar a contorna do CEIP A Florida e de que se asfaltasen en parroquias como Vilalonga pistas e camiños que levaban máis de 30 anos sen seren arranxados”, recordan os nacionalistas. O grupo da oposición avanza que continuará con esta folla de ruta durante 2026, no que se estrearán como concelleiros o actual responsable local, Adrián González, e Estrella Martínez. “Os veciños e veciñas de Sanxenxo van seguir téndonos á súa disposición para tratar de promover actuacións e proxectos que o Goberno local de Telmo Martín é incapaz de executar de por si”, conclúen.

Publicacións Relacionadas