- NESTE SEGUNDO DÍA CELEBRARANSE MÁIS DUNHA VINTENA DE CONFERENCIAS E NUMEROSOS TALLERES, DEMOSTRACIÓNS E ACTIVIDADES CON SIMULADORES
- A FEIRA ACOLLERÁ MAÑÁ, ÚLTIMO DÍA, UN ESPECTACULAR SIMULACRO CONSISTENTE NA INTERVENCIÓN DA GARDIA CIVIL ANTE UN SECUESTRO CON ARMA BRANCA E TAMÉN UN VISTOSO EXERCICIO SOBRE FUTURAS CAPACIDADES DA UNIDADE OPERATIVA DE DRONS DA AXEGA NA BUSCA DE PERSOAS DESAPARECIDAS
A II Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2023, segue sendo hoxe escaparate tanto da innovación nestes tres sectores como do labor dos seus profesionais. Para iso, ademais de mostrar as propostas das 209 firmas presentes na súa área expositiva, o certame continúa hoxe desenvolvendo o seu intenso programa de actividades.
En canto ás conferencias, hoxe realízanse máis dunha vintena. Así, o II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, organizado pola Consellería do Medio Rural no marco de Sedexpo, hoxe centrouse nas operacións en incendios forestais. Ademais, contou con gran interese a xornada sobre programas europeos de I+D+i en seguridade e emerxencias, organizada pola Plataforma Tecnolóxica Española de Seguridade Industrial (PESI) e a Policía Local de Valencia. Durante o seu transcurso presentouse o proxecto europeo Direktion e falouse sobre os proxectos europeos de realidade aumentada e intelixencia artificial nas intervencións policiais e os servizos de seguridade, presentando o proxecto europeo Darlene.
O presente e o futuro da seguridade privada foi outro dos eixos destas conferencias, nunha xornada organizada pola Asociación Profesional de Compañías Privadas de Servizos de Seguridade (APROSER), a Asociación de Xefes e Directores de Seguridade de España (AJDSE) e a Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade Cidadá (AECRA). A evolución da industria da seguridade privada a nivel europeo, os cambios normativos e tamén a transformación do sector ante as novas realidades dixitais foron os temas nos que profundou o encontro.
A Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) celebrou de novo varias conferencias nas que se trataron temas como os bulos e a comunicación en emerxencias. Ademais, o director da APTB presentou un estudo sobre vítimas de incendios, mentres que Juan Mariño, sarxento do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra fixo o propio co seu libro “Liderazgo en llamas”.
Procura de persoas extraviadas con UAVs
Por outra banda, a Civil UAVs Initiative, iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia cuxo obxectivo é atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver solucións innovadoras no ámbito da industria de sistemas e vehículos non tripulados, a cal ademais patrocina a feira, celebrou hoxe un interesante encontro. Na súa primeira parte centrouse no desenvolvemento e adquisición dunha solución innovadora para a localización de persoas extraviadas por medio de UAVs, coa participación por parte da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de Emilio Astray, director da área de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas; por parte da UTE Aeromedia-Indra-ITG, de César Ortega, director Forestal e Emerxencias de Aeromedia e por parte da entidade usuaria Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). A segunda desenvolveuse baixo o título “Soluciones da Business Factory Aero (BFAero) na área das emerxencias: Beagle e Acre”, sendo intervenientes, por parte de GAIN, de novo Emilio Astray, por parte de Beagle Labs o seu CEO, Miguel Barreiro, e por parte de ACRE – Área de Control Restrinxida de Emerxencias, tamén a súa CEO, Rubén Gil.
Sumáronse outras xornadas como a centrada en strategic foresight para a seguridade, defensa e emerxencias ou a seguridade en espazos públicos ameazados polo terrorismo, está última por parte da Garda Civil.
Demostracións e talleres
As actividades máis dinámicas mantivéronse hoxe en Sedexpo 2023, como os talleres de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, de man da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ou os de xestión operativa e mando (GOM), organizado pola APTB, ademais de numerosas demostracións que seguen permitindo aos visitantes ver os produtos expostos en funcionamento. Entre elas, dun vehículo acuático eléctrico para rescate na auga, un posto de mando avanzado para coordinar os servizos públicos, privados e sanitarios en eventos, o funcionamento de circuítos de seguridade, material para intervencións en altura, funcionalidades de drons ou a aplicación Alertcops.
Tamén seguen ao dispor do público os simuladores, como o de condución de ambulancias en realidade virtual ou o de prácticas extremas en alto estrés en tiro simulado, ademais do roadshow do Instituto Nacional de Ciberseguridad, unha experiencia orientada a ofrecer capacitación en materia de ciberseguridade a través dunha zona de gamificación, charlas, talleres, un scape room o un área de xogos.
Mañá, máis simulacros
Mañá continuarán as demostracións e simulacros. Entre estes últimos destacará unha intervención da Garda Civil ante un secuestro con arma branca, na que participarán distintos medios, entre eles un helicóptero, e tamén un exercicio sobre futuras capacidades da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na procura de persoas desaparecidas.
Esta segunda edición de Sedexpo pechará mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA ás 15.00 horas.