Seis horas de deporte e solidaridade no Concello de Ponteareas

adminON
Lectura mínima de 3

• Asociación Deportiva Corredores Festeiros  e o Concello de Ponteareas organizan esta carreira 100% solidaria en apoio a Down Vigo

• Con parte dos fondos recadados crearase unha beca para acceder ao deporte e orientación psicolóxica destinada a todos os nenos e nenas de Ponteareas con discapacidade

Cincuenta equipos e sesenta corredoras e corredores individuais participarán esta fin de semana na proba de ultra distancia “6 horas Vila do Corpus”. Organizada pola Asociación Deportiva Corredores Festeiros  e o Concello de Ponteareas esta carreira é unha proba 100% solidaria en apoio a Down Vigo.

Salienta a organización que esta quinta edición bate os récords de inscrición en individual e que o corenta por certo da inscrición é feminina, un total de cincuenta equipos e 60 corredores individuais que correrán seis horas seguidas.

A proba deportiva comeza ás oito da tarde do sábado día 13 na Praza Maior e rematará ás dúas da mañá amosando neste circuíto urbano deportividade e solidariedade ao longo de seis horas. Ao igual que outros anos as “6 horas Vila do Corpus” vai máis aló do deporte e ofrece actividades lúdicas para as máis pequenas e pequenos con inchables e atraccións e xogos, postos de venda de camisetas a favor de Down Vigo e música en directo.

Unha vez rematada a carreira a organización informará do importe acadado para a doazón. Como novidade, a Asociación Deportiva Corredores Festeiros adianta que destinarán unha parte da recadación a crear unha beca para acceder ao deporte e orientación psicolóxica destinada a todos os nenos e nenas de Ponteareas de 0 a 12 anos con discapacidade. “En edicións anteriores destinábamos unha parte dos fondos a algún colectivo como Adapta ou Discamino, este ano decidimos apoiar a todas as nenas e nenos para facilitar o acceso a prácticas deportivas e poder contribuír tamén cun acompañamento psicolóxico”, explica Francisco Aparicio, presidente da asociación.

A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, suliñan a importancia desta proba que é capaz de conxugar deporte e solidariedade e unir a deportistas, empresas e cidadanía en favor dunha asociación que dende o ano 1989 traballa para mellorar a calidade de vida das nenas e nenos con Síndrome de Down.

Comparte este artigo