• A concelleira Rosa Fernández (PSdeG-PSOE) agradece, unha vez máis, o exemplo de compromiso, xenerosidade e implicación de Faustino, que leva xa varios anos facendo este tipo de entregas altruístas ao Concello
• O lenzo sortearase no Festival Benéfico que a Asociación Virxe da Renda celebrará o 10 de decembro na sede da Comunidade de Montes de Combarro. Repartiranse boletos a cambio de alimentos non perecedoiros
Un ano máis, o espírito solidario do veciño poiense Faustino Ucha servirá para brindar unha gran axuda ás familias con menos recursos económicos do municipio. Como xa é vén sendo tradición por estas datas, Faustino fixo entrega a Servizos Sociais dun dos seus cadros, pintados por el mesmo ao óleo. Este agasallo tan especial sortearase no Festival Benéfico que terá lugar o vindeiro 10 de decembro, sábado, na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro. As persoas que desexen tomar parte no devandito sorteo deberán facer entrega de alimentos non perecedoiros a cambio dos correspondentes boletos.
A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), explica que todos os produtos recadados a través desta iniciativa serán repartidos por parte do persoal municipal entre as familias e a veciñanza máis necesitada do concello. Fernández expresou o seu agradecemento a Faustino Ucha “por estar todos os anos disposto a doar as súas obras, que con tanto agarimo deseña, no que supón un exemplo de xenerosidade e compromiso á hora de axudar aos veciños e veciñas”. Ademais, a concelleira socialista tamén fai extensivos estes agradecementos á Asociación Virxe da Renda, presidida por Miguel Martínez, pola organización do Festival Benéfico.
Programa Xuntos polo Nadal
Por outra banda, desde a Concellería de Benestar Social infórmase de que o Concello de
Poio está adherido ao programa da Xunta de Galicia Xuntos polo Nadal. Trátase dunha iniciativa destinada a persoas maiores de 60 anos, a través da cal se lles ofrece a posibilidade de non pasar en soidade estas datas tan especiais, no caso de que non teñan familia ou achegadas e achegados que lles acompañen.
O departamento municipal préstase a asesorar á veciñanza interesada en tomar parte nesta actividade sobre as xestións e a documentación que deben presentar para inscribirse. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de novembro. Para máis información pódese acudir á Casa Rosada ou chamar ao 986872401. A través deste programa organízase unha estancia, dividida en dúas quendas entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, de oito días de duración cada unha, na Residencia de Lecer do Carballiño, en Ourense.



