HomePontevedraSilvia Cernadas demanda, dende a Festa da Ostra, a creación das Festas...

Silvia Cernadas demanda, dende a Festa da Ostra, a creación das Festas do Albariño e da Anguía de Soutomaior

- Anuncio -spot_img

“Temos uns produtos magníficos, á parte da ostra que non se están a aproveitar por falta de imaxinación e capacidade no Concello”

O secretario xeral, David Regades, e deputados/as socialistas no Congreso visitan o evento gastronómico coa candidata socialista

Soutomaior merece unha promoción turística que vaia moito máis alá da Festa da Ostra. Así o reclamou a candidata do PSdeG-PSOE, Silvia Cernadas, dende o propio recinto da XXXV edición da festa, nunha xornada na que recibiu a visita do secretario xeral provincial, David Regades, así como dos deputados/as en Cortes Guillermo Meijón, Olga Alonso, Ángeles Marra e Marica Adrio. A deputada autonómica Leticia Gallego, tampouco faltou a cita.

Silvia Cernadas explicou que a Festa da Ostra é un evento que hai que coidar, pero lamenta que nos últimos anos tense convertido nun evento multisectorial ao que se foron incorporando outros eventos que merecerían unha festa propia para diversificar o moito que Soutomaior, que é unha referencia gastronómica en toda Galicia, ten que ofrecer.
Así criticou que ata hai ben poucos anos nin sequera estaba presente na Festa da Ostra o albariño Rías Baixas da propia subzona de Soutomaior e só se vendían viños doutras procedencias. E iso, explicou, a pesar de que os caldos de Soutomaior teñen merecida sona pola súa calidade, ata o punto de que o ano pasado un deles foi distinguido co primeiro premio na Feira do Albariño de Cambados.

Cernadas quere que Soutomaior conte coa súa propia Festa do Albariño, sustentada sobre as tres adegas do concello, e poñer en marcha un evento que, ademais, ofreza posibilidades de visitas e catas no propio castelo de Soutomaior. “O Concello é incapaz de crear sinerxias coa Deputación para celebrar no propio castelo eventos municipais e todas e todos sabemos que na Deputación apoiarían sen reservas este tipo de iniciativas. Todo o que se fai no castelo é da man da Deputación; resulta moi triste que o Concello sexa incapaz de imaxinar nada”.

Por outra banda, Cernadas considera que Soutomaior ten entidade suficiente para poñer en marcha unha Festa da Anguía para enxalzar outro dos seus emblemas gastronómicos.
Finalmente, a candidata socialista recalca que nin a Festa da Ostra, nin a futura Festa da Anguía poden ter un futuro se non se cambia o paso no saneamento da ría e do río Verdugo e se solucionan dunha vez por todas os problemas de depuración en Arcade dos que a Confraría de Pesca vén alertando dende hai moito tempo. “Estamos no tempo do turismo sustentable, da aposta polo medio ambiente e nós vivimos nunha contorna privilexiada, a cabalo da ensenada de San Simón na que a aposta preservación da calidade das augas deixa moito que desexar”, concluíu.

Publicacións Relacionadas