O artista, cantareiro e bailador chega este sábado 19 ás 22.30 h á Praza do Seixo cun concerto de balde no que mesturará tradición, electrónica e mensaxe social
A música de Mondra non entende de etiquetas nin fronteiras: é un berro de liberdade que prende no corpo e na conciencia. Este sábado 19 de xullo, ás 22.30 horas, a Praza do Seixo de Tomiño será o escenario onde o artista, cantareiro e bailador galego fará vibrar ao público cun concerto gratuíto que promete ser unha auténtica celebración da identidade, a diversidade e a forza da tradición.
Organizado polo Concello de Tomiño coa colaboración da Deputación de Pontevedra no marco do programa +Música, o espectáculo permitirá gozar en directo do novo traballo discográfico de Mondra, ‘De ronda’, un álbum persoal e irreverente no que se mergulla nun son máis orgánico e fresco da man do produtor Hevi (Laboratorio Soyuz).
Recoñecido como un dos nomes máis sobranceiros da escena musical galega, Mondra converteu o seu proxecto artístico nun espazo para reivindicar o galeguismo, a diversidade sexual e a identidade rural. Proba diso son os seus últimos galardóns: Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica por ‘Ardēn’, Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por ‘Marimondra’ e o recoñecemento de ‘Quererse ben’ como mellor canción do ano nos premios aRi(t)mar.
Sobre os palcos, Mondra leva percorridos máis de oitenta concertos coa súa ‘Folīa Das Ardentes’, un espectáculo onde conflúen a música electrónica, a tradición popular e unha posta en escena que non deixa indiferente. Agora chega a Tomiño para compartir coa veciñanza e visitantes unha noite única, na que tradición e vangarda se darán a man para celebrar a música como ferramenta de encontro e liberdade.