Soutomaior adianta a apertura da súa Oficina de Turismo

adminON
Lectura mínima de 3

O Goberno local conseguiu que por primeira vez a Oficina de Turismo acade o selo de calidade turística SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos).

Desde hoxe a Oficina de Turismo de Soutomaior atende xa aos centos de visitantes que todas as semanas se achegan ao noso concello, principalmente a través do Camiño de Santiago Portugués. As técnicas da Oficina informan ás persoas que se achegan dos atrativos turísticos do concello e dos puntos de interese, tanto en hostelería e restauración como para establecementos locais para cubrir calquera outra necesidade.

Durante os días de Semana Santa (desde hoxe e ata o domingo 20 de abril) o horario será de 8:00 a 15:00 horas. O luns 21 e o martes 22 a Oficina permanecerá pechada. Desde o mércores 23 de abril e ata o 31 de maio, abrirá todas as semanas de mércores a domingo en horario de 9:00 a 13:00 horas. Xa a partir do 1 de xuño e ata o 30 de setembro, a caseta abrirá todos os días en horario de mañá de 9:00 a 13:00 e os xoves, venres, sábados, domingos e luns en horario de tarde, de 16:30 a 19:00 horas.

Como principal novidade, o traballo do Goberno de Soutomaior en materia da promoción turística conseguiu que este ano por primeira vez a Oficina de Turismo municipal conte co selo de calidade turística SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos) da Secretaría de Estado de Turismo. Un distintivo de calidade que referenda o camiño feito polo Goberno local nestes dous anos, levando en 2023 a Oficina para o barrio da Feira e adheríndose en 2024 a rede da oficinas info RíasBaixas.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, sinalou que “o recoñecemento SICTED pon de manifesto que estamos a facer as cousas ben e que prestamos un servizo de calidade a todas as persoas que se achegan ao noso concello. Ademais, este distintivo permítenos optar a máis subvencións, o que a súa vez nos permitirá converter Soutomaior nun destino aínda máis atrativo”.

A concelleira sinalou tamén que “os datos de 2024 referendan por si mesmos que o traballo que estamos a facer é o camiño que debemos seguir, e que nos levou a que o ano pasado a Oficina de Turismo atendese a máis de 16.000 persoas. Iso supón un inmenso potencial para o noso concello e no Goberno de Soutomaior estamos a aproveitalo ao máximo, para que tanto as persoas que nos visitan como a nosa veciñanza desfruten do mellor Soutomaior”.

Comparte este artigo