HomePontevedraSoutomaior adxudica as obras de mellora do Camiño de Santiago ao seu...

Soutomaior adxudica as obras de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Arcade

- Anuncio -spot_img

O Concello de Soutomaior vén de adxudicar a realización das obras, que terán un custo de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local conseguida polo Goberno local.

Soutomaior iniciará nas vindeiras semanas as obras de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Arcade. Unha importante actuación do Goberno local coa que transformará e mellorará o modelo de mobilidade nesta zona tanto para os veciños e veciñas do noso concello como para os milleiros de peregrinos e peregrinas que cada semana chegan a Soutomaior.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta actuación é moi importante para o noso concello, xa que a obra de humanización que imos acometer no Camiño de Santiago resolverá varias das problemáticas de tráfico que actualmente afectan o centro de Arcade e abrirá o camiño a novas actuacións e a construción un modelo urbano en Arcade máis amable e accesible. Indubidablemente é unha actuación que mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Foi este pasado venres cando o Goberno de Soutomaior aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación da actuación. Precisamente antes, na comisión, o Partido Popular decidiu absterse na votación sobre esta adxudicación.

Unha vez pechado o expediente, a empresa Copsa foi a gañadora do procedemento e será a encargada de levar a cabo o proxecto, titulado ‘Humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde’, redactado por Urcoin, liderada polo presitixioso enxeñeiro Enrique Urcola. O investimento será de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local conseguida polo Goberno de Soutomaior. Do total investido, case 150.000 euros irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer a ría de verteduras nunha zona de especial inc.

Está previsto que as obras comecen nas vindeiras semanas e o prazo de execución das mesmas é de tres meses e medio. Os traballos que se leven a cabo durante toda a actuación terán como principal premisa ter a mínima incidencia posible tanto no tráfico rodado como no tráfico peonil (veciñanza e peregrinos e peregrinas) para evitar molestias e garantir a normalidade do día a día nesta zona.

Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “antes de que remate o 2025 a veciñanza de Arcade desfrutará das novas e humanizadas rúa da Coutada e rúa Fonte do Conde. Unha auténtica transformación do centro urbano de Arcade que mellorará o día a día dos veciños e veciñas e que convertirá o noso concello nun lugar máis atractivo tanto para os peregrinos e peregrinas como en xeral para calquera persoa que visite Soutomaior”.

Publicacións Relacionadas