Soutomaior, concretamente Arcade, é o municipio que concentra a maior cantidade de embarcacións que viven da anguía en Galicia, por esa razón dende o concello amosaron o seu apoio a esta pesca artesanal.
O Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico comunicou a súa intención de declarar a anguía en perigo de extinción. Unha denominación que implicaría a prohibición desta actividade pesqueira en España segundo a Lei de Patrimonio Natural e biodiversidade.
Unha nova que esta mañá foi a analizada nunha reunión na Confraría de Arcade á que tamén asistiu o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Compre salientar, que para a confraría de Arcade, a anguía é un sector estratéxico, supón preto do 80% dos ingresos, co cal para Soutomaior sería unha situación “calamitosa” que se condenase a este sector á ruína.
Os datos que teñen dende a propia confraría abalan o bo facer do sector e que nos últimos anos lonxe de detectarse merma nas capturas se teñen detectado repuntes.
Tal e como dixo hoxe Manu Lourenzo “hai moitas medidas para protexer a anguía, como o coidado do seu hábitat, antes que prohibir a súa pesca, non ten sentido prohibicións aquí mentres Francia e Portugal seguen pescando, hai informes nos que se establecen as principais causas que afectan a anguía, un animal que tivo unha redución no seu hábitat do 95%”.
O alcalde lembrou nesta xornada que “a pesca artesanal é unha pesca coidadosa e respectuosa e os anguileiros do sector son os principais preocupados en manter a sustentabilidade da especia porque levan xeracións adicándose a iso e ninguén ten máis sensibilidade ambiental coa especie que o sector de anguileiros de Arcade”.
O alcalde solicitou hoxe “a todas as administracións que nos sumamos na defensa da pesca artesanal e na busca de solucións para garantir a sostibilidade da especie”.
Dende o concello seguirán de preto toda a información e novidades que se teñan en relación coa pesca desta especie e quixeron amosar o seu apoio a este sector que sigue con incertidume o seu futuro xa que a veda da anguía ábrese en abril e poderían pescar ata setembro, pero con tan pouco marxe de manobra, a estas alturas, non estarían a tempo de cambiar a arte de pesca.



