As familias que o precisen poderán recoller no Centro de Maiores de Talo Río uns cascos anti ruído adaptados ás persoas con diversidade funcional, co fin de que todas e todos poidan desfrutar na mellor das condicións do noso Entruido.
Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa e a nai dun neno con diversidade funcional do concello, Bea Couñago, presentaron os casos anti ruído que dende este Entruido contará o concello de Soutomaior para as persoas con diversidade funcional.
‘Soutomaior Inclusivo’ sigue vixente no Entruido, un proxecto pioneiro no concello, que ten por obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e das súas familias. Deste xeito as familias que o precise poderán contar, para o desfile de comparsas deste sábado 3 de febreiro, concertos e toda a actividade do Entruido de Soutomaior cun cascos anti ruído especiais para persoas con diversidade funcional. Uns cascos que ademais de illar o ruído, tamén se poden conectar por bluetooth a un móbil ou tablet para poder ter acceso a calquera aplicación e poder contar coa comunicación por pictogramas. Para recoller estes casos o único que teñen que facer é amosar a pulseira de “Soutomaior Inclusivo” neste Centro de Maiores de Talo Río, Arcade.
Ademais dentro da programación do Entruido todas as familias que leven ou amosen a pulseira de “Soutomaior Inclusivo” terán, ao igual que sucedeu no Nadal, acceso prioritario aos eventos que organicen e se leven a cabo dende o concello de Soutomaior. Dende o Goberno Local quixeron lembrar nesta xornada que para contar con esta pulseira ó único que teñen que facer as familias é presentar a tarxeta de discapacidade da Xunta de Galicia no concello ou no Centro de Benestar Integrado (Multiusos). Ensinando esa pulseira nas actividades do Concello terán acceso preferente sen ter que facer colas nin agardar.
PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE ENTRUIDO
Esta fin de semana dará comezo o Entruido de Soutomaior co desfile de comparsas, mañá sábado 3 de febreiro a partir das 17:30 h. Un desfile que partirá da Rúa Calvario ata chegar a Talo Río. Serán 20 comparsas as que formarán parte desta cita ineludible no calendario de Entruido do concello. Un desfile onde non faltará a comparsa municipal e a comparsa de “Andaina” (asociación de nais e pais de nenas e nenos con diversidade funcional). A partir das 19:30 h. terá lugar a lectura do pregón, a entrega de premios e verbena con Discomóbil Dolcevita na Alameda de Talo Río.
Xa na xornada do domingo a sesión vermú chegará a Talo Río a cargo de Canta nas Croas a partir das 12:30 h. Unha cita que estará moi ben acompañada por un inchable infantil de balde para todas as crianzas e onde ademais, contará coa gastronomía da Polbeira Ruzo do Carballiño.
Unha fin de semana que encherá de actividade, música, e alegría o concello, e que será o preludio da celebración do Entruido máis tradicional de Soutomaior.

