HomePontevedraSoutomaior aposta pola mellor música en galego do momento para os seus...

Soutomaior aposta pola mellor música en galego do momento para os seus Concertos de Verán

- Anuncio -spot_img

As bandas ‘The Rapants’ e ‘Rebeliom do Inframundo’ actuarán este sábado, 12 de xullo, a partir das 21:30 no Peirao de Arcade. Unha cita musical que será totalmente de balde.

O Peirao de Arcade converterase este sábado, 12 de xullo, nun dos epicentros musicais do noso País, despois de que o Goberno de Soutomaior programase senllos concertos das bandas ‘The Rapants’ e ‘Rebeliom do Inframundo’, dous dos grupos máis recoñecidos na actualidade dentro do panorama músical galego.

Os ‘Concertos de Verán’, como deu en chamar o Goberno de Soutomaior a esta xornada, comezarán ás 21:30 horas cunha sesión DJ de ‘A Duendeneta’. Ás 22:00 horas dará inicio o concerto de ‘The Rapants’. O grupo orixinario de Muros vén de encher esta mesma semana a explanada da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Unha actuación á que asistiron milleiros de persoas e que pon de manifesto que ‘The Rapants’ é un dos principais grupos de música en galego da actualidade.

Ás 00:00 horas será a quenda do grupo vigués ‘Rebeliom do Inframundo’, con máis de 10 anos de experiencia e un habitual do panorama festivaleiro na Galiza. Aos dous concertos, que serán abertos ao público totalmente de balde, sumarase unha zona gastro para que as persoas asistentes poidan comer e beber sen ter que desprazarse do lugar das actuacións; así como unha serie de actividades complementarias que terán lugar durante o transcurso dos concertos.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes concertos son unha nova mostra da aposta que fai o Goberno local pola promoción e difusión de galego en todos os ámbitos. Tamén demostra que este Goberno programa para os públicos de todas as idades e que ten en conta todos os gustos”.

“Ter unha axenda de actividades tan completa e extensa como a de Soutomaior ao tempo que realizamos a maior cantidade de investimentos da historia do noso concello é posible grazas a unha xestión económica que rompe todas as previsións e que nos permite destinar os cartos dos nosos veciños e veciñas a mellorar a súa calidade de vida e que poidan desfrutar do mellor concello e dos mellores barrios posibles”, engadiu Manu Lourenzo.

Para concluír, o alcalde convidou a que “todas e todos vos acheguedes este sábado ata o Peirao de Arcade. Non só para escoitar a mellor música do País, senón que para descubrir todo o que ten por ofrecer esta paraxe natural tan espectacular como é o final da Ría de Vigo, con praias a menos de 5 minutos a pé da zona dos concertos, unha oferta de restauración de gran calidade e un moi bo ambiente para todas as idades”.

Publicacións Relacionadas